Friday 22 de November de 2024

O concello de Ribeira adquirirá dous drons para vixiar posibles aglomeracións nas praias, lumes forestais e outros labores


A Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 acordou no día de hoxe realizar as xestións oportunas para a adquisición de dous drons coa fin de desempeñar diversas funcións de interese municipal: entre elas, controlar que non se produza aglomeracións nas praias, así como vixiar os montes ante posibles lumes forestais ou buscar persoas desaparecidas.

De igual xeito, aprobouse que se proporcionará formación no manexo deste aparato a tres axentes da Policía Local e a tres efectivos do Grupo de Apoios e Emerxencias Municipal (GAEM) para sacar o máximo rendemento ás prestacións do artiluxio.

Arco
Por outra parte, esta mañá chegou o primeiro dos arcos de toma de temperatura e desinfección encargados polo Concello, que está destinado á entrada principal do Consistorio. Logo das probas efectuadas hoxe, mañá xoves entrará en funcionamento.

Paralelamente, tamén está implementada a marcaxe no chan do interior Concello para velar por que se manteña o distanciamento social entre os que circulen por el.