O Goberno local levará á comisión informativa de finais deste mes a proposta da Concellaría de Facenda de suspender o cobro da taxa pola ocupación de espazos públicos con terrazas. A medida aplicaríase ata finais de 2020 e en todas as zonas reflectidas na ordenanza reguladora, cuxa modificación se levará ao pleno do próximo 4 de xuño. Trátase dunha proposta coa que se pretende axudar na recuperación económica da hostalaría e a restauración como un dos principais sectores afectados pola crise sanitaria.
A ordenanza reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público por mesas e cadeiras e outros elementos establece uns importes por metro cadrado que varían dependendo da zona en que se encontre a terraza e da elección que se faga na solicitude en canto ao pagamento das cotas, que poden facerse para un mes determinado, para un cuadrimestre ou para todo o ano.
Por exemplo, a apertura dunha terraza durante catro meses na zona urbana -Fene, Perlío e San Valentín- sitúase nos 5,56€ por metro cadrado, mentres que en Barallobre, Maniños e Limodre a taxa está fixada en 1,36€/m2. Nas parroquias do interior -Magalofes e Sillobre- a taxa cuadrimestral é de 0,44€ por metro cadrado.
Facendo o cálculo sobre unha cota anual e a superficie máxima que se pode ocupar, desde a Concellaría de Facenda sinálase que o aforro máximo pode alcanzar nalgún caso os 1.668 € e que, ademais, esta vía de colaboración co sector non penalizaría de ningún modo a obtención de axudas directas que poidan convocar tanto o Concello como outras administracións.
Na actualidade veríanse beneficiados por esta bonificación un total de 10 locais hostaleiros do municipio que teñen concedida autorización para instalar terrazas en espazos públicos, nuns casos con carácter anual e noutros para o cuadrimestre estival, de xuño a setembro.