Friday 22 de November de 2024

A cuarta fase do trampeo primaveral de avespa velutina en Brión sáldase coa captura de 358 raíñas e 609 obreiras


O Concello de Brión anima á veciñanza a revisar tellados, hórreos e galpóns na busca de niños primarios

O Concello de Brión vén de rematar a cuarta fase da campaña de trampeo profesional contra a avespa velutina, que está a levar a cabo un ano máis a empresa SERPA Servizos Privados Anti Velutina. Unha cuarta fase saldada coa captura de 358 raíñas e 608 obreiras, polo que xa se acadou a metade das capturas realizadas durante a campaña do ano pasado, que eliminou 2.039 velutinas, 840 delas raíñas.
Persoal de SERPA estivo nos últimos días recollendo as capturas desta cuarta fase de trampeo e repoñendo os atraentes para a quinta fase. O alcalde de Brión, José Luís García, continúa animando á veciñanza a seguir trampeando “e a continuar sendo constantes e metódicos no cambio dos atraentes xa que agora é o momento de frear este problema. Cada raíña que capturemos evitará un bo feixe de avespas durante o verán”.
Neste sentido, o Concello de Brión lembra que dispón dun manual para a elaboración de trampas dispoñible a través da súa páxina web ( www.concellodebrion.gal ). Para a súa construción empréganse botellas de plástico e un líquido atraente composto por un litro de zume de arándanos con azucre e unha lata de cervexa negra. Unha mestura que dá para 5 trampas e que hai que renovar cada 15 días.
Así mesmo, dende o Concello piden prudencia á hora de rozar silveiras e taludes, así como á hora de achegarse ao aleiros de hórreos e galpóns xa que adoitan ser lugares onde se instalan os niños das velutinas. En caso de atopar algún, compre aviar ao 012 ou ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión (981 88 75 23) para a súa retirada.