Saturday 16 de November de 2024

Sandra Insua reuniuse co comercio local de Camariñas


Os comerciantes amosaron o seu interese en crear unha páxina web para a venda online dos seus produtos.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, continuou coa rolda de encontros co tecido empresarial do municipio para coñecer de primeira man a realidade dos empresarios e empresarias e aportar solucións. Hoxe foi a quenda para o comercio local.
No encontro detalláronse as medidas necesarias que teñen que seguir os establecementos para poder abrir dunha forma segura durante a desescalada. Ademais, lembróuselles aos asistentes que mañá ás 11 horas na Casa de Pedra os inspectores de Sanidade da comarca de Soneira impartirán unha charla neste sentido.
Os comerciantes amosaron o seu interese en crear unha páxina web para a venda online dos seus produtos, unha das propostas que se inclúe no Plan de Reactivación Económica impulsado polos ADL de Camariñas e Vimianzo e que xa se pode consultar na web municipal.
Sandra Insua indicou que nos próximos días se publicarán as bases da liña de axudas que lanzará o Concello e pola que se lle darán 200 euros para sufragar os gastos da compra de EPIS a cada establecemento que tivera que cesar a súa actividade durante o Estado de Alarma e que as solicite.
Por último, a rexedora volveu a incidir na importancia de que os comerciantes se asocien para poder xestionar dunha forma rápida e directa as posibles subvencións e axudas que vaian surxindo xa que “é moito máis sinxelo e moito máis efectivo canalizalas a través dunha entidade, polo que
quero incentivar ao resto de sectores produtivos a que se asocien dalgún xeito e poder chegar así a todos os niveis”.