As oficinas administrativas do Concello de San Sadurniño van recuperando pouco a pouco o seu pulso sen perder de vista que continuamos en Estado de Alarma e que se deben extremar as precaucións para previr contaxios, tanto entre o persoal como entre as persoas usuarias. Algúns departamentos seguen combinando o traballo presencial co telemático e, en calquera caso, a atención á veciñanza segue condicionada a que antes se solicite cita previa a través do 981 490 027. Nese teléfono tamén se seguen atendendo outras cuestións derivadas da crise sanitaria, como por exemplo a solicitude de axuda para facer compra ou a petición de apoio municipal ante unha emerxencia de tipo social ou económico. O Concello ten previsto abrir nos próximos días a biblioteca municipal baixo estrictas medidas de hixiene e limitación do aforo e estuda facer o propio co ximnasio a partir do 1 de xuño, nese caso con cita previa.
Desde a área de Réxime Interno -que se encarga da coordinación laboral e administrativa- informa de que, por agora, os medios preferentes para facer calquera xestión no Concello son mediante atención telefónica ou a través da Sede Electrónica municipal. O departamento insiste en que boa parte das xestións habituais poden facerse por teléfono -solicitudes, pedir información sobre obras, comunicar desperfectos, informar de fallos na iluminación pública, etc.- e que outras para as que se require unha tramitación formal deben facerse por medio da Sede. Se non é posible -porque non se dispoña de ordenador ou certificado dixital, ou porque non se saiba como facelo- deberase chamar ao 981 490 027 para que nos dean día e hora para atendernos en persoa. Neste sentido é importante, e como medida preventiva, non acudir ao Concello sen contar con cita previa.
No consistorio reordenouse o espazo e incluso se marcou un itinerario circular para reducir as posibilidades de que dúas ou máis persoas se atopen de fronte ao entrar ou saír ou dentro do inmoble. Así, o acceso farase preferentemente pola escalinata de toelo -entrando a man dereita- e, unha vez se acceda ao primeiro andar, xa hai un cartel indicador para ir a cada un dos servizos para o que teñamos cita. A saída preferente será pola escaleira do Rexistro Municipal, que dá de novo á porta principal. Iso si, as persoas con mobilidade reducida poderán utilizar o ascensor ao entrar ou marchar da casa consistorial.
As zonas de espera -por se se produce un desaxuste nos horarios de atención asignados- modificáronse separando máis as cadeiras e nas oficinas tamén se colocaron marcas no chan para gardar as distancias. Ademais, nestes días instalaranse varias mamparas de metacrilato, así como dispensadores de xel hidroalcólico en distintos puntos do edificio. Á espera de que o Estado se pronuncie sobre a obrigatoriedade xeral das máscaras, dentro das instalacións do Concello -de momento- só se sinala o seu uso como recomendable.
Iso en canto ao funcionamento da Casa do Concello, que non se interrompeu durante os últimos dous meses. No relativo a outras instalacións municipais é necesario comentar que polo de agora seguen sen abrir ao público a Casa da Cultura, a Aula CeMIT, a biblioteca municipal e o ximnasio. Parte do persoal retomou a actividade presencial de cara a planificar o reinicio da actividade, previsiblemente co arranque da Fase 2. Na biblioteca limitarase o aforo da sala de lectura e os libros deberán manterse en corentena entre cada préstamo. No caso do ximnasio, que podería volver abrir o 1 de xuño, establecerase un sistema de cita previa para manter controlado o aforo máximo e garantir así a separación entre usuarios. Por outra banda, a área de Cultura contactará coas persoas das distintas escolas para sopesar a posibilidade de recuperar as actividades que quedaron suspendidas e prolongalas durante o verán con sesións adaptadas á nova realidade preventiva.
Incertidume sobre a apertura da EIM A Rolada
Por último, a Escola Infantil Municipal A Rolada tamén ten previsto volver á actividade despois do 26 de maio, aínda que segue sen concretarse a data. A indefinición débese a que, a día de hoxe, a Consellaría de Política Social aínda non trasladou información ao respecto de protocolos de seguridade nin sobre como se debe proceder á reapertura.
O que si se sabe é que o Concello reanudará o servizo para aquelas familias que xustifiquen non ter outra maneira de conciliar. A área de Igualdade recibiu unha decena de solicitudes de nais e pais que se atoparían nesa circunstancia. Para mañá está convocada unha xuntanza co equipo directivo do centro e pasado haberá outra coas familias, agardando que para daquela poida haber xa algunha comunicación de Política Social sobre as condicións da volta ás aulas. Cómpre lembrar, ademais, que o Concello ten aberto até finais de mes o prazo de solicitude de novas incorporacións para o curso 20/21, un trámite que se pode facer a través da Sede Electrónica ou presencialmente con cita previa.