O Concello de Ribeira informa da adxudicación con carácter provisional dunha actuación
consistente na pavimentación de dous camiños situados en Oleiros: o do lugar de Sancortes e o que desemboca no cemiterio desta parroquia.
Ambos posúen un firme de aglomerado asfáltico bastante deteriorado nalgúns tramos, polo que se considerou a conveniencia de executar esta obra coa fin de mellorar os seus firmes cunha nova
pavimentación.
Así, no que se refire ao camiño de Sancortes, aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros na calzada (980 metros cadrados), previa limpeza das marxes, acondicionamento da
superficie e extensión de zahorra artificial nos sobreanchos.
Polo que respecta ao camiño do cemiterio, a mestura de bituminosa en quente a aplicar é de 6 centímetros de espesor nunha superficie de 2.147 metros cadrados. Ao igual que no outro vial, con antelación limparanse as marxes, adecuarase a superficie e botarase zahorra artificial nos sobreanchos.
A empresa que obtivo a mellor clasificación entre as nove ofertas presentadas resultou Nemesio Ordóñez, S.A.. O investimento ascende a 31.619 euros, IVE incluído, financiados no marco do Plan
Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2018. O prazo de execución son dous meses.