O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, amousouse moi satisfeito do resultado de participación nas actividades deste Nadal por parte dos composteláns e visitantes nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polas concelleiras de Cultura, María Antón, e Turismo, Reyes Leis.
O pasado 5 de decembro iniciábase o programa de Nadal do Concello de Santiago co acendido oficial das luces e adornos navideños nas rúas. “Nese momento-indicou Hernández- destacamos que o que se perseguía era que fose un Nadal moi participativo, unhas festas para todos os veciños da nosa cidade, principalmente os máis cativos, e tamén para toda a área de Santiago e mesmo doutras cidades de Galicia e de España. Penso que se cumpriron con creces os obxectivos marcados”.
Ata o 5 de xaneiro desenvolveuse un programa que incluíu mais de 450 accións de tipo lúdico e cultural, espalladas en 60 localizacións por todo o concello. Algunhas delas aínda terán continuidade, como a pista de xeo ata o 1 de febreiro e o carrusel na Quintana ata o vindeiro domingo. En verbas do rexedor, “a palabra que mellor define a tónica común de todas estas actividades é precisamente a participación”.
Agustín Hernández quixo agradecer a implicación de todos todos os departamentos municipais nun programa, coordinado pola Concellería de Cultura, no que tamén participan as áreas de Economía, Xuventude, Educación, Desenvolvemento Urbano Sostible e Seguridade e Mobilidade. A isto hai que sumar a colaboración doutras institucións, como a Xunta ou a Deputación da Coruña, así como de entidades privadas e colectivos cidadáns. “Mais aló de posibles erros puntuais, que sempre hai posto que, como dixen, estamos a falar de mais de 450 actividades, moitas delas multitudinarias, realizadas nun mes intenso, gustaríame destacar a entrega e a implicación dos centos de persoas que traballaron para que toda a programación de Nadal se desenvolvera sen grandes incidentes e cun nivel de éxito notable”.
Estamos a falar de máis de 120.000 persoas que, dun xeito activo, participaron nas propostas de Nadal organizadas polo concello. Así, a Cabalgata de Reis foi seguida por preto de 60.000 persoas, segundo datos de Protección Civil, o que supón a maior participación dos últimos anos.
Pola pista de xeo na Alameda pasaron ata o de agora máis de 26.000 persoas, entre patinadores e acompañantes, o que supón un incremento respecto da pasada campaña de máis do 18%, consolidando a pista de xeo como unha das actividades estrela do Nadal en Santiago de Compostela.
Outra das novidades importantes deste ano foi o Mercado da Quintana, aberto dende o 5 de decembro ata o 5 de xaneiro, que contabilizou máis de 32.000 visitantes. Unha afluencia que “nos anima a intentar consolidar esta iniciativa e, coa experiencia obtida nesta edición, a mellorar a proposta do vindeiro Nadal”, incidiu o alcalde. O carrusel instalado no centro da praza, que aínda permanecerá ata o domingo 11, rexistrou case 10.000 viaxes.
A montaxe especial de Nadal na praza do Obradoiro, inaugurada o 12 de decembro, foi outro dos grandes atractivos nestas datas, cunha afluencia importante de familias da cidade e tamén de turistas, tendo en conta que estaba situado en plena praza. Segundo estimacións da organización, máis de 20.000 persoas pasaron por este enclave navideño.
A festa de Fin de ano foi outro momento álxido de participación cidadá nas actividades de Nadal. As tradicionais badaladas foron seguidas por máis de 2.000 persoas directamente na praza do Obradoiro. A pirotecnia e a Orquestra Gran Parada deron paso ao 2015 e á festa para todos os composteláns, turistas e visitantes que se achegaron a gozar na derradeira noite do ano e o inicio do 2015 no corazón de Galicia.
Tamén, un pouco antes ese mesmo día, dúas mil persoas pasaron por meta na Carreira de San Silvestre, desbordando todas as previsións, posto que o pasado ano non se chegou ao millar.
A música, sinal de identidade cultural de Santiago estivo presente no Nadal de moi diversas formas: coa Real Filharmonía de Galicia en concerto de Nadal co Mesías, facendo dúas sesións unha no programa de abono e outra pensada para un público familiar e máis participativo ao incorporar un coro de afecionados á representación. Tamén coa Banda Municipal de Música, que fixo dous programas específicos e especiais para o Nadal: un que contou coa participación da soprano Laura Alonso e outro, especial reis, no que participaron os nenos do coro da Escola Municipal de Música. En ambos casos, o Auditorio de Galicia, Teatro Abanca e Principal estiveron practicamente cheos. Música na Rúa permitiu ter en Praterías, Toural e Praza Roxa, a 13 corais de Santiago de Compostela.
Hernández agradeceu especialmente a colaboración destas formacións de afeccionados pola súa implicación, que encheron de música de Nadal as rúas na semana do 15 ao 20 de decembro, ofrecendo tres mini concertos por día e finalizando todas xuntas en Praterías o sábado día 20, concitando gran público en cada actuación.
Tamén hai que falar da Árbore das Ilusións. Ao longo deste programa desenvolvéronse 15 obradoiros nos que participaron 31 colectivos da cidade (centros socioculturais, colexios, asociacións…) e no que colaboraron 19 establecementos comerciais. En total realizáronse preto de 500 adornos para decorar esta Árbore ubicada da Praza Roxa.
Alta participación tamén no concurso de cartas de Nadal para nenos que se programou dende o departamento de Normalización Lingüística e que recibiu preto de 600 cartas dos nenos e nenas de Santiago. A proposta deste ano era que contasen, en galego, como eran os nadais dos seus avós, tratando de implicar a toda a familia na redacción da carta. Os tres gañadores recibiron de máns dos Reis Magos o seu premio.
O programa de Nadal completouse coa extensa programación dos centros socioculturais, con obradoiros, cine, teatro, concertos, xogos, contacontos, exposicións e moitas actividades máis. Este programa permitiu a realización dunhas 200 accións distintas nuns 37 locais sociais da nosa cidade.
A modo de conclusión, o alcalde lembrou que o máis destacable é que todas as actividades discorreron sen incidentes máis aló das anécdotas, que “de ningún xeito deslucen unhas festas que a nosa cidade puido celebrar e disfrutar en paz, en harmonía e que foron un exemplo de civismo e de boa veciñanza”.