Friday 22 de November de 2024

A Xunta mantén o seu apoio ao turismo rural adaptando os obxectivos e tramitación das axudas ao escenario post covid-19


Reformularanse as achegas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo, as festas de interese, as infraestruturas turísticas e os xeodestinos
O  obxectivo do Goberno galego é adoptar fórmulas máis flexibles para axilizar as subvencións e axustarA Xunta de Galicia manterá o seu apoio ao turismo rural adaptando os obxectivos e tramitación das distintas liñas de axudas aos concellos ao escenario post Covid-19. Así pois, reformularanse as achegas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo durante o verán, para as festas de interese turístico, para a mellora de infraestruturas turísticas ou xeodestinos co obxectivo de adoptar fórmulas máis flexibles que permitan manter e axilizar as subvencións e axustar os requisitos e condicións á situación actual.

Trátase dunhas axudas que a Xunta viña convocando anualmente a través de ordes e que pasarán a realizarse a través de convenios individuais para axilizar a súa tramitación, pactar os obxectivos de cada liña adaptándoas a cada caso particular e para evitar que queden partidas sen executar. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a resolución a estes efectos, o que permitirá substituír a ferramenta administrativa para que se poidan aplicar as novas partidas orzamentarias o que, en ningún caso, suporá unha supresión das axudas.

Esta medida, que xa foi comunicada por parte do Goberno galego á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), responde á necesidade de adecuar a tramitación destas subvencións ao escenario da crise sanitaria, mantendo as achegas de anos anteriores pero modificando as fórmulas de contratación e o obxecto das mesmas para adecualas á situación dos beneficiarios.

Turismo de calidade e sustentable
A través destas liñas de subvencións, a Xunta vén apoiando a actividade turística dos concellos galegos e, particularmente, o turismo rural, unha tipoloxía que recolle os valores do modelo galego, baseado na calidade e a sustentabilidade e en aspectos como a natureza, a paisaxe ou o medio ambiente.

Precisamente, o Plan de Reactivación do sector turístico aprobado recentemente polo Goberno galego contempla medidas de apoio a esta actividade que se veñen a sumar as axudas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo, para as festas de interese ou á mellora de infraestruturas turísticas. Entre esas medidas de apoio destaca o impulso aos xeodestinos como axentes clave na promoción a escala supramunicipal e como polo de desenvolvemento do sector nas súas áreas de implantación. A Xunta colaborará coas entidades xestoras dos xeodestinos na creación de produtos e paquetes turísticos co obxectivo de potenciar a recuperación do sector a nivel local e o impulso do turismo rural.