O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acudirá á presentación, que terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Xanceda
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asistirá mañá venres 9 de xaneiro á presentación do libro “A República da Berxa”, do historiador orosán Manuel Pazos. Unha presentación que terá lugar na Casa da Cultura de Xanceda (Mesía) ás 20:30 horas e na que tamén participarán o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias; o presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos; e Emilio Grandío Seoane, profesor da USC. A entrada é libre e de balde. O acto pecharase coa actuación musical das cantareiras da Escola de Música e Baile Tradicional de Mesía e do dúo Mini e Mero.
O libro, editado pola asociación cultural Obradoiro da História, conta coa colaboración do Concello de Oroso, do Concello de Mesía, da Mancomunidade de Ordes, da asociación cultural Bieito Fandiño de Mesía e da asociación de amigos da Capela Nosa Señora de Arxán (Mesía). A obra céntrase na vida de Antonio Gómez Carneiro, alcalde de Mesía durante a II República ata o inicio da Guerra Civil e que estivo perseguido pola ditadura franquista, chegando a ser procesado e condenado por defender as súas ideas democráticas.