Saturday 16 de November de 2024

O Museo do Humor de Fene celebra o Día Internacional dos Museos sen data fixa para a súa reapertura


O Concello traballa nos protocolos que permitan retomar a actividade do centro con todas as garantías de seguridade para visitantes e persoal

 

Cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional dos Museos) organiza nesta data o Día Internacional dos Museos co obxectivo de concienciar sobre o feito de que estes centros “son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas e para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz”.

Organizados cada 18 de maio ou en datas próximas a esta, dende hai máis de 40 anos, son centos os eventos e actividades que se artellan en todo o mundo para celebrar o Día Internacional dos Museos.

Neste 2020, o Museo do Humor de Fene non poderá celebrar a súa festa tal e como estaba previsto. Por mor da crise sanitaria provocada polo Covid-19, a Concellería de Cultura do Concello de Fene víuse na obriga de adiar o espectáculo de David Amor que programara para esta mesma tarde. A cita trasládase para o último trimestre deste ano (nunha data pendente aínda de confirmar).

Na actualidade, o Concello de Fene está a traballar para poder reabrir o máis pronto posible o Museo Do Humor Fene con todas as garantías hixiénico-sanitarias tanto para os traballadores como para os visitantes. Porque, xa se sabe que, en tempos de crise, o humor é un dos mellores antídotos fronte á incertidume, o estrés e o medo. Así que, no Día dos Museos, longa vida ao humor!!!