Friday 22 de November de 2024

Benestar Social atendeu 82 peticións a través do servizo gratuíto de mediación de conflitos derivados do confinamento


A cidadanía pode resolver de xeito confidencial problemas persoais ou veciñais coa axuda do voluntariado da asociación Círculo de Mediación Galicia (CIMEGA), que atende no teléfono 010
A Concellería de Benestar Social e Igualdade atendeu un total de 82 peticións a través do servizo de mediación posto en marcha o pasado 3 de abril para a resolución de conflitos derivados da situación de
confinamento, en colaboración co Círculo de Mediación Galicia (CIMEGA).
A concellería lémbralles ás persoas que teñan a necesidade de utilizar este servizo gratuíto que deben poñerse en contacto co concello a través do 010. O servizo, que é confidencial e gratuíto, préstano voluntarias e voluntarios, que atenden disputas no ámbito doméstico, discusións nas comunidades veciñais e tamén no traballo.

O Goberno local decidiu establecer este servizo ao detectar a Concellería de Benestar Social un incremento de conflitos derivados do estado de confinamento.
Para o persoal responsable da concellería, os problemas na convivencia que están a ter moitas persoas son difíciles de resolver, se non é mediante mecanismos alternativos.

Por outra banda, o concello atendeu un total de 463 chamadas desde que o 31 de marzo se puxo en marcha o servizo de atención telefónica Acompáñote. A través deste servizo, as persoas que viven soas poden levar mellor este tempo de confinamento. Un equipo de 31 voluntarias/os acompañan a través do teléfono 900 920 500 a aquelas persoas maiores que carecen de soporte familiar ou social ou non teñen acceso aos contidos dixitais e queren conversar con alguén. Ademais, realizáronse 44 chamadas a persoas maiores que viven soas e teñen problemas para utilizaren o teléfono. Esta medida articúlase naqueles casos que así o soliciten.
O horario de atención é das 10.00 ás 21.00 horas.