Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame volve reivindicar un Día das Letras Galegas para Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme


Un ano máis, o Concello de Lousame volve reivindicar que se dedique un Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Unha demanda reiterada hoxe coa tradicional ofrenda floral diante do busto dedicado a Zernadas de Castro nesta parroquia lousamiá e que este ano foi realizada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, pero sen convocatoria pública, máis aló dos veciños e veciñas que estaban a visitar aos seus familiares no camposanto.
Se nos cinco anos anteriores a Igrexa de Fruíme congregara a centos de persoas, a pandemia do coronavirus COVID-19 cambiou as cousas e o Concello de Lousame optou pola prudencia e por trasladar a Internet todas as celebracións do Día das Letras Galegas, programando a XVIII Festa do Galego de Lousame con actividades entre o 13 de maio e o 13 de xuño. Silvia Agrafojo explicou que “a ofrenda floral de hoxe non é máis ca un acto simbólico por mor dos tempos que estamos a vivir, pero a nosa reivindicación é igual de firme que en anos anteriores. Estamos convencidos de que Zernadas de Castro é a maior figura literaria galeguista do seu tempo e de que merece, xa dende hai moitos anos, que se lle
dedique un Día das Letras Galegas”.
Neste sentido, lembrou as distintas iniciativas que está a levar a cabo o Concello de Lousame para apoiar a candidatura do cura de Fruíme. Entre elas figuran a edición en 2019 do libro “O ilustrado cura de Fruíme: Diego Antonio Zernadas de Castro (1702 -1777)”, de Carlos García Cortés; o reparto en 2018 da separata “Cara o III Centenario do Cura de Fruíme”, publicada no número 38-39 da Revista galega de pastoral (1998) e asinada tamén por Carlos García Cortés; ou a conferencia de Xosé Manuel Rivas Troitiño, profesor asociado de Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid, ofrecida en 2017.
Conferencia online
Un apoio que continúa neste ano 2020, como se pode comprobar na conferencia “Zernadas de Castro e a súa obra”, ofrecida polo escritor e ensaista Xulio Pardo de Neyra e á que se pode acceder a través da páxina de Facebook do Concello de Lousame. Nesta charla, Pardo de Neyra asegura que “neste momento (Séculos Escuros) é onde brilla a actividade do cura de Fruíme. Séculos escuros? Eu non vexo que sexan tan escuros como se pretendeu porque precisamente rastrexamos a importancia, o labor, a enteireza, o compromiso e a actividade do cura de Fruíme”.
“O cura de Fruíme, malia ser unha illa no que era a cultura galega daquel momento, é unha personaxe levada dunha forza literaria case equiparable a un Quevedo na cultura castelá daquel momento”, asegura Xulio Pardo de Neyra.