Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun investimento duns 470.000 euros
Un total de dezaoito empresas presentan as súas ofertas para executar os itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas AC-163, en Fontán, e AC-182, entre Mandín e As Torres, ao seu paso polos municipios de Sada e Oleiros
Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun investimento duns 470.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses, a contar desde o seu inicio.
Na estrada AC-163, que comunica Sada e Mera, construirase un itinerario peonil en Fontán, dende o punto en que finaliza a actual beirarrúa deste núcleo e a intersección coa estrada provincial DP-7506, no punto quilométrico 1+840.
Esta senda no municipio de Sada terá máis de medio quilómetro de lonxitude e executarase pola marxe esquerda da estrada, salvo un pequeno tramo pola dereita. O itinerario, de 2 metros de ancho, será de formigón coloreado. Ademais executaranse tamén obras complementarias, como a instalación de rede de drenaxe e a reposición de peches e accesos afectados.
O segundo treito executarase na marxe dereita da estrada AC-182, de Espírito Santo a Oleiros. A intervención iníciase en Soñeiro, no punto en que rematan as actuais beirarrúas no límite entre os concellos de Sada e Oleiros, e finaliza nas Torres, á entrada de Oleiros, comunicando dous tramos que percorren este último municipio.
Esta nova senda, que xa conta nalgúns subtramos con beirarrúas que se integran no tramo, fai preciso executar un itinerario de 340 metros de lonxitude. Neste caso a sección tipo contará tamén cun ancho de 2 metros e nos últimos 100 metros irá separada da calzada mediante unha cuneta transitable para resolver o desaugue das augas pluviais. A estrada xa conta con rede de pluviais, polo que unicamente será necesario colocar algún sumidoiro adicional.
Estas actuacións impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade están enmarcadas na estratexia deseñada pola Xunta para a promoción de contornos urbanos seguros, fomento da mobilidade sustentable e a mellora da accesibilidade e calidade de vida da cidadanía.
As novas sendas forman parte do Plan de sendas de Galicia, na comarca da Coruña, que recolle a construción de 9 itinerarios que suman case 7 novos quilómetros de novas sendas e un investimento superior aos 5 millóns de euros. A execución destas actuacións será cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.