Friday 22 de November de 2024

Un total de 29 colexios e 451 alumnas/os da cidade participaron no programa “Ninguén atrás”


 

A iniciativa das concellerías de Educación e Benestar Social facilita ao estudantado que non dispón de recursos dixitais o material escolar para finalizar o curso

O concello atendeu a 451 alumnas/os de Primaria matriculadas/os en 29 colexios da cidade a través do programa “Ninguén atrás”, desde que se puxo en marcha o pasado 22 de abril. A iniciativa das concellerías de Educación e Benestar Social, en colaboración coa dirección dos centros educativos,
garante que as nenas e nenos que carecen de recursos dixitais poidan acceder aos seus materiais educativos e finalizar o curso.
En concreto, o estudantado que demandou este apoio pertence aos colexios Sagrada Familia, Eusebio da Garda, Curros Enríquez, Grande Obra de Atocha, Sanjurjo de Carricarte, Víctor López Seoane, Salesianos, Labaca, Fogar de Santa Margarida, Calasanz, Escolapios, Emilia Pardo Bazán, Prácticas, Colexio Cid, María Barbeito, San Pedro de Visma, Alborada, María Pita, Ramón de la Sagra, Salgado
Torres, San Francisco Javier, Concepción Arenal, Raquel Camacho, Sal Lence, Anxo da Garda, Fillas do Sagrado Corazón de Xesús, Manuel Murguía e Wenceslao Fernández Flórez.

O repartimento entre as e os rapaces corre a cargo do equipo de voluntariado de Benestar Social, que recibe as tarefas que prepara o cadro docente de cada centro para llelo levar impreso ás nenas e nenos aos seus domicilios. O profesorado envía os contidos a través de distintas modalidades e o persoal municipal fotocópiaos co fin de que ninguén se quede atrás nos seus estudos por non ter medios informáticos na casa.
O equipo non só atende as solicitudes que reciben a través da liña telefónica 981 184 294, que está ao dispor das familias para que lles trasladen as súas demandas, senón tamén aquelas peticións das/os mestras/es que, preocupadas/os pola situación na que se encontra o alumnado máis vulnerable, piden que lles entreguen as leccións da casa.