Friday 22 de November de 2024

A Xunta mellorará a coordinación e a seguridade dos vixilantes das confrarías de pescadores con equipos de xeolocalización


A medida, que xa lle foi trasladada aos presidentes das federacións provinciais e galega de confrarías, inclúese na orde de axudas para proxectos colectivos do sector pesqueiro de protección e recuperación da biodiversidade mariña

A Consellería do Mar vén de publicar a convocatoria deste ano de axudas para proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña así como ao fomento da sensibilización ambiental na que se inclúe como novidade a implantación dun sistema de xeolocalización co obxectivo de mellorar a coordinación e seguridade dos vixilantes dependentes das confrarías de pescadores. Así o recolle a orde que publicou esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que establece que cada un dos efectivos de vixilancia levará un dispositivo de xeolocalización, financiado a través da orde, para facer un seguimento en tempo real da actividade desenvolvida así como para dispoñer dun histórico do traballo realizado.

Esta medida, que xa foi trasladada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aos presidentes das federacións provinciais e galega de confrarías de pescadores, busca mellorar a coordinación dos efectivos de vixilancia e contribuír ao mesmo tempo a aumentar a súa seguridade. O persoal de vixilancia, ao igual que en convocatorias anteriores, actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas de Galicia e en colaboración con este.

A convocatoria publicada polo DOG está dirixida ás confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar, asociacións de profesionais do sector e demais entidades asociativas que desenvolvan as súas actividades no sector pesqueiro e teñan a súa sede social en Galicia. Serán subvencionables aqueles proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña así como ao fomento da sensibilización ambiental e contarán cun orzamento de cinco millóns de euros, repartidos a partes iguais entre as anualidades 2020 e 2021.

A publicación desta convocatoria prodúcese despois de que en abril fose aprobada de xeito excepcional pola Xunta -no contexto do estado de alarma polo coronavirus- a tramitación destas achegas por tratarse de subvencións que apoian accións que se consideran indispensables para a protección da actividade marítimo-pesqueira esencial para o subministro de alimento e tamén para a recuperación da actividade marisqueira unha vez que se levante o estado de alarma e as restricións derivadas da alerta sanitaria.

Prazo de presentación das solicitudes
Os interesados poderán presentar as solicitudes ao día seguinte da finalización do estado de alarma decretado polo Goberno central pois o cómputo dos prazos de presentación quedan en suspenso de acordo co disposto no real decreto do 14 de marzo polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Polo tanto, os prazos volverán contar no intre en que perda vixencia este real decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo e o período de presentación será dun mes.

Estas axudas están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e son subvencionables os proxectos que teñan como obxectivo mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, entre os que se inclúen a elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos e a optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños, atendendo á Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña.

Entre as iniciativas que poden optar ás achegas tamén están as que contribúan á vixilancia epidemiolóxica, caso do envío de mostras ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras, e operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies.

Outros proxectos que tamén poden optar ás achegas son os relacionados coa formación dos pescadores de cara a adquirir novas competencias para unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas nos que viven así como as accións de aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos pescadores, podendo incluír campañas de divulgación.