O Goberno local investirá un millón de euros en reorganizar o tráfico no polígono de Agrela, onde se gañará máis espazo para as e os peóns e disporase de 44 prazas de aparcamento novas
O concello inviste 951.356,27 euros na humanización do polígono de Agrela, en concreto da rúa Severo Ochoa, en que se reorganizará o tráfico coa construción dun carril bici bidireccional e as prazas de aparcamento pasarán a ser en batería. Os traballos enmárcanse dentro da Estratexia Eidus Coruña e estarán financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. A actuación, que lle afectará á marxe dereita da vía, terá unha lonxitude aproximada de 700 metros, desde o cruzamento coa rúa Galileo Galilei até a rotonda que está na intersección coa rúa
Newton. Aumentarase a beirarrúa, que se pavimentará con formigón e disporase dun carril bidireccional para as e os ciclistas, de 2,5 metros de ancho.
Na medianeira, plantaranse árbores de gran porte nun espazo de 3,5 metros de ancho cunha beiravía de 0,25 metros e realizaranse escavas, sempre que a superficie das beirarrúas o permitir, ademais dun separador de terra dun metro de ancho entre o aparcadoiro e o carril bici. As prazas disporanse en sentido oblicuo e ocuparán 5,5 metros cada unha delas. Nun tramo, substituirase a medianeira por unha barreira coa que se gañarán máis metros para un terceiro carril e manter así á vez o xiro á esquerda. Os dous carrís de circulación son de 3,25 metros e o engadido medirá 2,8 metros.
Ademais, proxectaranse tres paradas de autobús, en que se incorporarán vexetación, bancos de formigón, un novo paso peonil e mobiliario.
Das 25 prazas de aparcamento en batería -das que catro son prazas para persoas con mobilidade reducida-, a rúa contará con 134 prazas nesta disposición tras reconverter as 66 que había en liña. A reorganización permite que a zona pase dunha capacidade para 100 vehículos a capacidade para poder estacionar 144.
Canto á reserva de prazas para transportes lixeiros, na actualidade existen nove en liña e, coa nova planta, proxectaranse catro en liña e 3 máis en batería.
Por último, será necesario dispor dalgúns sistemas de drenaxe, iluminación e outros servizos, así como adecuar a sinalización existente. Na rúa, proxectaranse redes de separación, un colector de 315 mm para saneamento e un segundo colector de 400 mm para pluviais. Tanto para a iluminación como para a rede semafórica, cómpre executar novas canalizacións que conectarán os novos elementos á rede existente.
De acordo coa normativa vixente, colocarase a sinalización vertical e horizontal oportuna no carril bici, nos pasos de peóns e no resto da vía para a circulación dos vehículos.