Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de solicitude de ingreso na escola infantil municipal de San Sadurniño


O Concello agarda retomar a actividade despois do 26 de abril, aínda que só para familias que non poidan conciliar

 

Ata o 31 de maio permanecerá aberto o prazo de solicitude de praza para novas incorporacións na Escola Infantil Municipal “A Rolada” de cara ao curso 2020/2021. Este segundo período de peticións -o anterior estivo aberto para reservas entre o 1 e o 15 de marzo- está pensado para as familias que vaian ter un meniño ou unha meniña proximamente ou para aquelas que queiran inscribir as criaturas no centro por primeira vez. A información e a documentación para as solicitudes de ingreso pode tramitarse desde este sábado a través da Sede Electrónica municipal, onde tamén están dispoñibles os impresos para descargalos e cubrilos á man. No caso das solicitudes presenciais será obrigatorio chamar antes ao Concello -981 490 027 ext.1 – para que nos dean cita previa. Por outra banda, a Área de Igualdade xa contactou coas familias do alumnado matriculado no presente curso de cara a preparar a volta ás aulas, que se prevé para despois do 26 de maio aínda que só no caso de aquelas que non teñan posibilidade de conciliar doutro xeito. A data non está confirmada, posto que a Consellaría de Política Social aínda non aclarou se autorizará a apertura nin tampouco os protocolos que se deberán seguir.

A EIM A Rolada ofrece de cara ao curso 2020/2021 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. Porén, trala tramitación das reservas efectuada na primeira quincena de marzo, neste momento quedarían as 8 vacantes na unidade de 0-1, outras 9 na aula de 1 a 2 anos e 6 prazas para a unidade de 2 a 3.

O centro presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM -xa actualizadas segundo o IPC e aplicables tanto a reservas como a novos ingresos- son as seguintes:

Concepto                                                                 Cota vixente
Matrícula (anual)                                                  21,26 €

Mensualidade a xornada completa (8h.)       207,26 €

Mensualidade a media xornada (4h.)            124,36 €

Xornada de 2 horas                                              74,40 €

Hora complementaria (prezo mensual)           21,26 €

Hora extraordinaria (prezo diario)                     3,72 €

Comedor mensual para almorzo                       26,57 €

Comedor mensual para xantar                         82,90 €

Comedor mensual para merenda                     26,57 €

Comedor en día solto                                            4,25 €

Este segundo período -dirixido a novas incorporacións- permanecerá aberto entre o 16 e o 31 de maio e deberá tramitarse preferentemente por vía telemática a través desta ligazón dispoñible na Sede Electrónica Municipal. Para a tramitación presencial -presentando a solicitude en papel- será necesario concertar cita previa coa área de Igualdade no 981 490 027 ext.1.

Posible reapertura a partir do 26 de maio
O Concello agarda que a Escola Infantil poida reabrir as súas portas a partir do 26 de maio, coincidindo co previsible inicio da Fase 2 da desescalas, aínda que polo momento non hai unha data pechada. E máis aínda se temos en conta que a Xunta e outros gobernos autonómicos aínda non aclararon se os centros da súa titulariedade van volver á actividade. Por outra banda, desde a Consellaría de Política Social, como organismo competente na materia, aínda non se obtivo ningunha notificación ao respecto nin tampouco sobre os protocolos e as condicións en que deberá levarse a cabo a reapertura.

Ante esta indefinición, desde o Concello contactouse coas familias para explicarlles cal é a situación e para adiantarlles que o posible reinicio da actividade despois do 26 de maio dirixirase exclusivamente a aquelas familias con nenas e nenos matriculados que non teñan outra maneira de conciliar. A área de Igualdade deulles de prazo ata hoxe para que xustificasen esa circunstancia de cara a reorganizar a prestación dos servizos e a incorporación do persoal.

Na próxima semana farase unha xuntanza por vídeoconferencia para informar con respecto aos servizos que poden verse modificados e tamén sobre as medidas preventivas que se aplicarán no centro e as que deberán cumprir tanto o persoal como as familias.