O Concello de Noia vén de investir 47.500 euros na pavimentación do
camiño entre Vilaverde e Pasarela, na parroquia de Santa María de Roo. Unhas obras que son
froito dun convenio de cooperación entre a Consellería do Medio Rural e Concello de Noia e
que foron executadas pola empresa Excavaciones Toni Tuñas SL.
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, agradece “o compromiso da Consellería do
Medio Rural, que executou estas obras de pavimentación e mellora de seguridade viaria nesta
estrada na parroquia de Roo”. Así mesmo, o Concello vén de iniciar todos os procesos de
licitación que estaban pendentes como consecuencia da suspensión decretada polo Real
Decreto 463/2020, do 14 de marzo.
Entre esas licitacións, destaca a renovación das instalacións de alumeado público na vila de
Noia, cun orzamento de 542.855,79 euros (impostos incluídos) e un prazo de execución de
seis meses. Un proxecto para o que hoxe venres remata o prazo de presentación de
solicitudes, dado que se ofreceron 3 días adicionais esta semana por mor da interrupción do
procedemento pola pandemia do coronavirus.
Un proxecto que permitirá actuar sobre 1.036 puntos de luz, controlados por 22 cadros de
mano, ben cambiando totalmente a luminaria ben adaptando o dispositivo retrofit. A maiores,
instalaranse 22 descargadores de mando e interruptores horario-astronómicos naqueles
cadros de mando que non dispoñan deles. As novas instalacións serán luminarias LED e
cumprirán cos preceptos establecidos polo Regulamento de eficiencia enerxética en
alumeado exteior e cos preceptos do Regulamento Electrotécnico para baixa tensión.