Saturday 16 de November de 2024

O novo contrato de telecomunicacións da Xunta permite un aforro de 12 millóns e garante outros 12 en melloras


Salienta que o novo contrato que vai permitir un dobre beneficio: por un lado, un aforro directo de 12 millóns de euros en tres anos; e, por outro, as empresas operadoras investirán outros 12 millóns de euros a maiores neses tres anos en melloras na rede de telecomunicacións da Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o novo contrato dos servizos de telecomunicacións da Administración autonómica, un contrato que segundo salientou vai na liña do que leva facendo o Goberno galego nos últimos anos: concentrando a prestación dos servizos, logrando vantaxes de economías de escala e así reducindo custos e ofrecendo un mellor servizo aos cidadáns.

Nese marco, Feijóo afirmou que a Xunta vén de adxudicar por 32,3 millóns de euros o novo contrato de internet, telefonía fixa e móbil que proporciona estes servizos a 3.000 centros da Administración autonómica. Un novo contrato que vai permitir un dobre beneficio: por un lado, un aforro directo de 12 millóns de euros en tres anos; por outro, as empresas operadoras investirán outros 12 millóns de euros a maiores neses tres anos en melloras na rede de telecomunicacións da Xunta.

O titular do Executivo autonómico incidiu en que estes aforros e melloras débense á integración de servizos, á redución de tarifas e ás economías de escala. E concrétanse nunha redución de custos respecto ao contrato anterior do 15% en telefonía fixa, do 44% en internet, e dun 60% en telefonía móbil.

Polo tanto, a Xunta gastará un 15% menos en telefonía fixa, un total de 8,4 millóns de euros para os próximos tres anos; un 44% menos en internet, equivalente a 22 millóns de euros para o mesmo período; e un 60% menos en todos os móbiles, un total de 1,8 millóns de euros nos vindeiros tres anos.

Maior aforro e mellores servizos
Entre as melloras que se lograrán con este novo contrato, Feijóo destacou a inclusión na rede corporativa dos servizos de telefonía de case 1.400 centros públicos, e o incremento en máis do triplo de media do ancho de banda de máis de 2.300 centros de servizos públicos, dos cales máis da metade pertencen á área da Educación, servizos sociosanitarios e sedes xudiciais.

Así mesmo, sinalou que se integrarán na rede da Xunta as redes de datos do Cixtec e da CRTVG, se reducirán á metade os tempos de resolución de incidencias, mellorarase a cobertura móbil en determinados edificios e reforzarase a conexión de fibra do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), de tal xeito que se estará máis preparado para posibles incidencias.

Con este novo contrato, asegurou, pódese acreditar que no eido da telefonía, do internet e dos móbiles é posible “facer máis con menos, 12 millóns de euros de aforro e 12 millóns de euros en melloras e investimentos adicionais”.

O presidente autonómico lembrou que no último lustro a Xunta ten centralizado os teléfonos de información que operaban de xeito independente, a limpeza, o mantemento dos edificios administrativos, a contratación de combustible ou a electricidade. O obxectivo, apuntou, segue a ser centralizar a contratación de subministracións, obras e servizos para acadar un aforro anual estimado de 30 millóns de euros, concluíu.