Sunday 24 de November de 2024

Toda a veciñanza da Ponte do Porto poderá conectarse á rede municipal de auga a partir do 31 de agosto


Era a única parroquia do Concello que aínda contaba con conexións a unha rede privada, que comunicou que deixará de prestar servizo en setembro

O Concello de Camariñas informa que, todos os veciños e veciñas da Ponte do Porto que aínda non estean conectados á rede municipal de auga, poderán estalo a partir do 31 de agosto, data na que deixará de prestar servizo a empresa ‘Aguas Vecinales de Ponte do Porto’.
A parroquia da Ponte do Porto é a única de todo o municipio que aínda contaba cunha rede de auga veciñal polo que non todos os seus habitantes estaban conectados á rede municipal, que foi construída hai anos cun investimento de preto de un millón de euros.
Agora ‘Augas Vecinales de Ponte do Porto’ comunicou ao goberno local que a partir do 31 de agosto deixará de prestar servizo polo que os interesados e interesadas en darse de alta na rede municipal deben acudir á Casa do Concello.
A documentación requirida para levar a cabo o trámite será simplemente o DNI do que vaia a ser o titular do servizo e o recibo da contribución da vivenda. Se neste último documento aparece un titular diferente ao que quere facer o novo contrato terán que acudir as dúas persoas. No caso de
que o titular sexa unha persoa falecida tamén se deberá entregar a escritura notarial que certifica que esa persoa é propietaria desa vivenda.
Cotas
No momento da alta cobrarase en total 144,82 euros, dos que 17,03 euros son polo abono ao servizo e 127,79 euros polos dereitos de acometida.
Mensualmente, polo aluguer de contador, establecerase unha taxa de 1,71 euros que fará 30,78 euros ao remate do ano. O consumo pasarase a final de ano e a lectura do contador será sempre de maio a maio.
Concesión privada
A alcaldesa, Sandra Insua, tamén anunciou que solicitou unha entrevista coa directora de Augas de Galicia xa que a intención do Concello de Camariñas é a de conseguir a concesión da captación que estaba a usar ‘Aguas vecinales de Ponte do Porto’ pero “terá que ser máis adiante xa que agora mesmo non é viable porque hai que facer unha serie de trámites previos e coñecer as condicións da concesión”.