A conmemoración céntrase este ano en festexar a diversidade e pon o foco nos múltiples xeitos nos que esta enriquece ás sociedades e ás persoas
A rede de museos da Xunta de Galicia súmase á celebración o vindeiro luns 18 de maio do Día Internacional dos Museos, que este ano pon o foco na igualdade, a diversidade e a inclusión e na celebración de actividades dixitais e en liña. Durante todas estas semanas de confinamento, estes equipamentos culturais están a desenvolver un amplo abano de iniciativas a través da campaña #aculturasegue, á que se sumarán as seguintes accións.
Belas Artes: un artista en cada casa
O Museo de Belas Artes da Coruña ten en marcha o concurso #museonacasa e #artenacasa a través das súas redes sociais. O obxectivo é poñer en valor as dotes creativas de pequenos e maiores, que deberán crear unha obra artística a partir das nove pezas propostas, procedentes da colección permanente do Museo. Pode ser unha pintura, unha fotografía, vídeo, dramatización ou mesmo unha creación gastronómica. O día 18 publicarase na web do Museo unha exposición virtual coas obras seleccionadas de entre as participantes. Así mesmo, outra das iniciativas do Museo de Belas Artes é a creación dun vídeo testemuñal con diversas voces vinculadas co Museo e cos seus fondos.
Obradoiros inclusivos no CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) súmase á celebración cun obradoiro online do proxecto Aula diversa, un programa de educación artística para a integración de persoas con discapacidade no que a arte contemporánea funciona como ferramenta de inclusión social e o museo como espazo de aprendizaxe aberto ao encontro das diferenzas. Terá lugar o mércores 20 de 17,00 a 19,00 h. Ademais, o CGAC levará a cabo outros dous obradoiros online para familias nos que se explorará o traballo da artista arxentina Liliana Porter. Nestas sesións, que terán lugar o sábado 23 e o domingo 24 de 11,00 a 13,00 h., os xoguetes da casa serán os protagonistas de novas aventuras. As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades deberán inscribirse no email cgac.educacion@xunta.gal.
Concertos e monólogos en Peregrinacións
O Museo das Peregrinacións e de Santiago adianta a celebración do Día dos Museos e comezará coa actividade festiva nas súas redes sociais este venres ás 20,30 h. cando ofrecerá a posibilidade de facer meditación e relaxación online, en consonancia con algúns dos seus contidos expositivos que fan referencia ás culturas orientais que popularizaron estas prácticas. O sábado a partir das 17,00 h. levarase a cabo un obradoiro infantil no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade na que realizarán creacións baseadas en animais reais ou nas súas figuracións míticas. Esta actividade estará guiada a través dunha plataforma online e para participar é preciso inscribirse previamente a través das canles do museo. Tamén o sábado ás 20,00 h. terá lugar un concerto virtual a cargo de Ensemble Egeria, un quinteto de música vocal feminino especializado en música antiga. O colofón final ás celebracións terá lugar o domingo ás 19,00 h. co monólogo do actor e dramaturgo Quico Cadaval que relatará contos e historias baseadas nas tradicións tanto do noso país como doutros que conectan co Camiño de Santiago.
Ribadavia cos centros de maiores
Na liña da inclusión social, o Museo Etnolóxico de Ribadavia propón unha presentación audiovisual do traballo que este equipamento vén desenvolvendo desde o inicio do confinamento con centros da terceira idade, buscando superar a fenda dixital mediante a inclusión das persoas que non teñen acceso ou non coñecen as novas tecnoloxías.
Ademais, o Museo do Viño de Galicia propón un brinde simbólico virtual baixo o lema Este brinde vai para a nosa mellor colleita. Un brinde que reunirá a representantes das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia e ás catro indicacións xeográficas protexidas.
O Museo Arqueolóxico de Ourense desde dentro
Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense busca achegarse ás persoas que non son público habitual do Museo a través dun vídeo nas súas redes sociais con testemuños de distintos colectivos da cidade sobre as súas necesidades ou impresións de cara ao Museo. Así mesmo, ofrecerá unha montaxe na cal o persoal de todo o museo presentarase e explicará cales son as súas tarefas no Museo. Por último, ofrecerá tamén a posibilidade de xogar a persoas de todas as idades resolvendo quebracabezas con imaxes de pezas do Museo ou da súa fachada.
Documentos históricos no Museo Massó de Bueu
A programación do Museo Massó de Bueu estará accesible a partir do vindeiro luns e rescatará a través dunha aplicación multimedia o catálogo editado pola empresa Massó Hermanos SA en 1924. Trátase dun documento deseñado por Federico Ribas, que conta con fotografías nas que se deixa constancia das distintas fases de traballo da conserveira Massó de Bueu e que son testemuños do peso que tivo e ten a man de obra feminina na industria conserveira. Tamén se poderá ver un vídeo divulgativo realizado a partir de dito catálogo e acceder ao almanaque 2020 elaborado con fotografías sobre esta temática. Ademais, o museo pon a disposición dos internautas un quebracabezas dixital.
Lecturas sobre diversidade en Viladonga
Por último, o Museo do Castro de Viladonga levará ao seu terreo a lectura deste ano sobre a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades, partindo do Castro e do museo como lugar de diversidade cultural e inclusión de dúas culturas: a castrexa e a romana.
Arquivos e Biblioteca de Galicia
Outros equipamentos culturais da Xunta participarán tamén na celebración desta efeméride a través de diversas actividades. Así, o Arquivo Dixital de Galicia centrará as súas publicacións en redes sociais nos museos arqueolóxicos, centros fundamentais no estudo e difusión dos achádegos que nos aproximan ao coñecemento da nosa propia historia.
O Arquivo do Reino de Galicia divulgará o proxecto de Gónzalez Villar de 1929, Edificio para Museo Provincial de Bellas Artes y Archivo Histórico de Galicia y urbanización de la Plaza del Marqués de San Martín. Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense lembrará nas súas redes o papel da Comisión Provincial de Monumentos desta provincia na creación do Museo Arqueolóxico da cidade e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo publicará o luns 18 no seu Facebook o proxecto de obra do Museo Provincial de Lugo.
Para rematar, a Biblioteca de Galicia ofrecerá o vindeiro luns un micrositio dedicado aos museos de Galicia para que os usuarios poidan coñecer os incunables que custodia o Museo Massó ou algúns dos manuscritos de temática xacobea que conserva o Museo das Peregrinacións e de Santiago. Así mesmo, a través dunha publicación na súa páxina web, a Biblioteca de Galicia achegará algunhas curiosidades na historia dos museos galegos extraídas dos fondos bibliográficos, tanto físicos como dixitais que custodia.