Feijóo recalcou que se disporá dun “prazo de doce días como máximo” para a resolución dos “conflitos educativos”
.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe na rolda de prensa do Consello que coa aprobación definitiva do Decreto que desenvolve a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, Galicia consolídase á cabeza da mellora do clima escolar: “Convertémonos na primeira comunidade de España que regula o ciberbullying cun protocolo de prevención, que edita unha guía de tratamento do acoso e o ciberacoso”, lembrou. Estas medidas súmanse á aprobación deste decreto, que “afonda na idea de corresponsabilidade”.
As medidas da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa artéllase en torno a tres ideas básicas: a corresponsabilidade, a mediación e a prevención. Respecto da primeira, o máximo dirixente autonómico aseverou que “todos os membros da comunidade educativa son responsables da convivencia escolar”. Así, este texto lexislativo crea o Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade autónoma, que actuará como órgano consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire a convivencia escolar; e unha Comisión de Convivencia en cada centro de ensino que se encargue especificamente de todo o que ten que ver con este aspecto e que se encadrará no seo do Consello Escolar.
O texto aposta tamén decididamente pola mediación e a recuperación do alumnado que sufra ou que provoque algún problema de convivencia nas aulas a través do establecemento do procedemento conciliado para a corrección das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia. Por unha banda, regúlase o funcionamento das aulas de convivencia inclusiva como alternativa ao tempo de expulsión do alumnado que estivese temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro como medida correctora. Por outra, establécense as escolas de nais e pais, que poderán propoñer iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo, sen prexuízo de que o profesor sexa a “autoridade máxima” nas aulas. Ademais, o presidente recalcou que se disporá dun “prazo de doce días como máximo” para a resolución dos “conflitos educativos”, ora mediante a mediación ora mediante unha decisión da Administración educativa.
No eido da prevención, Feijóo subliñou que se realizarán actuacións formativas en materia de convivencia escolar, impulsaranse proxectos de innovación e investigación educativa relacionados con esta materia; e vetarase “con maior intensidade” o uso de teléfonos móbiles nas aulas. “Prohíbese o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos. Excepcionalmente, os centros poderán establecer normas para a correcta utilización como ferramenta pedagóxica”, reza o texto. “A prohibición é expresa e taxativa”, concluíu Feijóo.