A publicación será unha homenaxe aos cidadáns da vila que contribúen coa súa responsabilidade á superación desta crise sanitaria
O Concello de Padrón prepara a publicación dun libro para rendir homenaxe a todas as persoas que durante estes meses estiveron confinadas nos seus fogares para conseguir superar a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19. A publicación recollerá as imaxes de todas as persoas que compartiron en redes sociais parte da cotidianeidade da súa cuarentena baixo o paraugas das campañas que o departamento de Cultura e Turismo lanzaron a través das novas tecnoloxías da información. Así, por un lado, no libro poderanse ver cales son os libros favoritos que acompañaron aos padroneses e padronesas durante o confinamento. E, por outro lado, tamén se poderá desfrutar das vistas dende as fiestras dos cidadáns de Padrón.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, sinalou que dende o Concello buscan “recoñecer o esforzo de toda a poboación de Padrón neste período de confinamento porque sabemos que está sendo moi complicado e queremos agradecer a súa responsabilidade”.
A edición e publicación deste libro enmarcase na campaña de #PadrónVolve, mediante a que se está intentando reactivar a economía local dende a entrada na Fase I. Co obxetivo de dinamizar o comercio e os negocios de Padrón, o Concello entregará biombos protectores de cristal templado a todos, tamén cubrirá as fachadas destes establecementos con imaxes dos principais museos de Padrón, e ademais promocionaranse a través das redes sociais os produtos e servizos das empresas locais.