Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño pon en marcha o certame “San Sadurniño en flor”


 

Este ano quedamos sen Feira da Plantación. Sería a 25ª edición, que non puido celebrarse por causa da alarma sanitaria. Pero o Concello non renuncia de todo a renderlle homenaxe á primavera e a todo o que significa de esperanza e alegría. Ademais, tras varias semanas grises, por que non poñemos un chisco de cor nas nosas vidas?. Esa é a idea de San Sadurniño en flor, un proxecto co que se lle propón á veciñanza engalanar as fiestras, balcóns, soleiras, peches e patios de todo o concello. A iniciativa desenvolverase ata o 30 de xuño de 2020 en colaboración cos viveiros e empresas do sector primario que participaban na feira. Concederanse un total de trinta premios distribuídos en tres categorías. Como arranque do certame, o Concello entregaralles ás persoas inscritas un pequeno lote de planta que se poderá combinar con máis variedades e incluso con outros elementos, como xardineiras, cestos, caixas, obxectos reciclados, etc. O prazo para apuntarse está aberto ata o 29 de maio a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal, indicando o nome, enderezo e un teléfono de contacto.

O Concello, en colaboración con Vivergal e outros viveiros locais, axudaralle á veciñanza a iniciar o seu proxecto decorativo levándolle á casa completamente de balde un pequeno lote de plantas de temporada. O reparto entre as persoas inscritas no certame farase entre o 1 e o 12 de xuño.

Unha vez que reciban as plantas deberán pensar onde colocalas e como facer que queden o máis lucidas posible. A recomendación que se fai é deixarse levar pola imaxinación e dispoñelas en lugares que se vexan ben desde a vía pública, tendo en conta que o lote facilitado polo Concello tamén se pode combinar con máis flores e variedades de planta que poida haber nas casas ou que as persoas participantes poidan mercar durante estes días.

Incluso se recomenda engadirlle ao conxunto outros elementos decorativos: material reciclado, un caldeiro de zinc, unha caixa de madeira decorada, unha xardineira… o que se queira, “sempre que se faga con gusto e que o resultado final quede o máis fermoso e vistoso posible”, apunta o concelleiro responsable, Manolo Varela.

Unha vez que se teñan os espazos decorados deberánselles sacar dúas ou tres fotos que, logo, haberá que enviar ao Concello por correo electrónico ou por whatsapp antes do 22 de xuño, indicando na mensaxe o nome e o enderezo da persoa participante.

A área de Desenvolvemento local agarda que este proxecto faga de San Sadurniño “o municipio máis floreado da provincia” e como aliciente ofrecerá 30 premios en forma de lotes de produtos “subministrados por empresas locais relacionadas co sector primario”, confirma Manolo Varela. As categorías dos premios definidas polo Concello son as seguintes:

10 premios para as mellores composicións florais de exterior
10 premios para as xanelas/balconadas máis floridas
10 premios para os patios/peches/xardíns máis vistosos
Un xurado formado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros fará as valoracións dos conxuntos e incluso poderá visitar os que considere necesario. As decoracións premiadas daranse a coñecer o día 30 de xuño, así como a data da entrega de premios que, de ser posible daquela, se fará na Casa do Concello. Ademais, ese mesmo día tamén se publicará no Facebook municipal unha galería fotográfica con todas as imaxes recibidas.

San Sadurniño en flor é, segundo Manolo Varela, “un proxecto colectivo, canta máis xente participe, mellor. Ademais tamén quere ser unha iniciativa que tire polo turismo e que axude, aínda que sexa só un pouco, a promocionar o nosa produción local e a nosa hostalaría. Ademais tamén é unha maneira de colaborar co sector viveirista do territorio, un dos máis afectados pola crise”.

Rede “Vilas en Flor”
San Sadurniño en flor comeza este ano “como proposta que suple a suspensión da Feira da Plantación, que supuña unha importante achega económica para moitos pequenos negocios do sector primario aos que agora compensamos en parte mercándolles os produtos dos premios e tamén a planta que se vai distribuír”.

Porén, a intención municipal é continuar co proxecto nos próximos anos como complemento da propia feira de finais de abril e conseguir que San Sadurniño acceda á rede estatal de Vilas en Flor auspiciada en Galicia pola Fundación Juana de Vega. Este programa outórgalle un distintivo aos municipios que destacan por “unha actuación real, consciente e a longo prazo en materia de axardinamento, medioambiente e mellora da calidade de vida dos seus habitantes”, tomando como referencia o coidado do seu patrimonio vexetal e paisaxístico, o respecto polo ambiente e a sostenibilidade e a vinculación dos espazos verdes coa educación ambiental e o turismo. En Galicia forman parte deste selecto clube os municipios da Guarda, Allariz, Baiona, Betanzos, Caldas de Reis, O Carballiño, Chantada, Culleredo, Cuntis, Gondomar, Mondoñedo, Ortigueira, Ponteceso, Portomarín, Salvaterra e Tomiño.