Wednesday 13 de November de 2024

Ovidio Rodeiro agradece o esforzo que está a facer o persoal de axuda no fogar nesta crise sanitaria e destaca que na área do Barbanza a Xunta destina 3,7m€ anuais a este servizo


O delegado sinalou que no Barbanza os concellos teñen asignadas 365.124 horas anuais, e contan, a maiores, cun incremento de 20.110 horas mensuais máis realizado durante a crise do coronavirus, para chegar a máis usuarios

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá un encontro co persoal do Servizo de Axuda no Fogar na atención e coidado das persoas maiores ou en situación de dependencia para agradecer o extraordinario traballo que están realizando durante a crise do coronavirus. .

Ovidio mantivo unha xuntanza por videoconferencia con traballadoras e traballadores do SAF dos concellos de Valdoviño, Arteixo, Padrón, Cabana de Bergantiños e Ribeira.

O delegado expresou o seu recoñecemento aos profesionais do SAF “porque nesta crise sanitaria están, desde o primeiro día, en primeira liña atendendo as necesidades de quen peor o están pasando”. Por iso, apuntou o representante do Goberno autonómico, “durante esta crise decidiuse incrementar o número de horas asignadas aos concellos para prestar servizo”. Neste caso, a Xunta asume a parte do custo que lle correspondía ao usuario, polo que é gratuíto para as familias beneficiarias. Esta medida supón un investimento extraordinario de 6 millóns de euros no conxunto da comunidade.

No Barbanza o Goberno galego reforzou este servizo coa asignación de 20.110 novas horas de coidado a domicilio ao mes durante o tempo que dure a situación de emerxencia sanitaria e de estado de alarma. O obxectivo é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas persoas que non eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, pero poidan precisar a atención nesta situación excepcional.

Neste sentido, priorizánse os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos, así como as persoas usuarias de centro de día, servizo que desde a declaración de emerxencia sanitaria permanece pechado. Así mesmo, tamén se terán en conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.

Neste momento os 11 concellos da zona do Barbanza teñen asignadas 385.124 horas ao ano, máis 20.110 horas mensuais durante o estado de elarma, por parte da Xunta para dar mellor cobertura a este servizo.

A Consellería de Política Social destina ao SAF nos concellos do Barbanza anualmente, arredor de 3,7 millóns de euros, neste senso, Ovidio Rodeiro recalcou que a Xunta xa ten pagado integramente o primeiro trimestre do 2020, algo máis de 789.000 euros.

Plan social de continxencia
Esta iniciativa forma parte do Plan social de continxencia no que tamén se atopan medidas como o teléfono social (900 400 800), que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas, que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica e que atendeu desde a súa posta en marcha máis de 2000 chamadas.

En segundo lugar, o seguimento telefónico aos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais e, para os fogares que o necesita, o reparto de comida a domicilio, que xa chega a 250 familias máis. Un correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco (atencionsocialemerxencia@xunta.gal).

En terceiro lugar, unha axuda económica para os nenos que dispuñan dunha bolsa de comedor da súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos.

Ovidio Rodeiro tamén lembrou que o Goberno Galego procedeu á exención das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público e publicouse a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada ás entidades de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.

E por último, recalcou que a Xunta adiantou preto dunha semana o pagamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) do mes de abril para aliviar a economía doméstica de 10.000 familias galegas. Trátase dunha medida pioneira na nosa comunidade para a que o Goberno galego destinou un investimento de 4,5 millóns de euros.