Friday 22 de November de 2024

O festival terá lugar durante a tarde do sábado 17 de xaneiro


Uns 400 deportistas ofrecerán no Multiusos de Palmeira un festival solidario en favor da Fundación Faibén de apoio á infancia

O concello promove esta iniciativa na que haberá masterclass de zumba e aeróbic e exhibicións de boxeo, taekwondo e kempo

O vindeiro sábado 17 de xaneiro vai ter lugar no novo Pavillón Multiusos Alcalde Torres Colomer, na parroquia de Palmeira, un festival solidario de carácter lúdico-deportivo en beneficio da fundación Faibén, no que participarán arredor de 400 practicantes de diferentes especialidades, como taekwondo, kempo, boxeo, aerobic ou zumba.

Para falar deste evento compareceron no Consistorio municipal, Juan Luis Martínez e Maricarmen Vizcaya –concelleiros de Deportes e Servizos Sociais do Concello, promotor do festival-, Ángel Martínez e Juan Martínez –director e colaborador da Fundación Faibén-, Iván Parada –do Club Kempo Barbanza-, José cardalda e Abel Rey –do Club Kenpo Riveira-, José Francisco Agrelo –do Natural Sport Videlgi- e Marta Lampón –da escola de zumba Cazatalentos-. Desculpou a súa ausencia Israel Benítez, da escola de boxeo El Canario, que tamén participará na celebración.

Donativo
O festival terá lugar entre as 17 e as 19 horas e para poder asistir unicamente hai que dar o donativo que cada quen voluntariamente estime conveniente e que irá destinado á asociación Faibén. Todas as entidades antes referidas colaboran desinteresadamente na iniciativa.

O programa constará en primeiro lugar de dúas masterclass: unha de zumba a cargo de Marta Lampón e outra de aerobic a cargo de persoal do concello, que se sucederán entre as 17 e as 18.50 horas. Despois terán lugar as exhibicións de Club Kempo Barbanza, El Canario, Club Kenpo Riveira e Natural Sport, ata concluír o acontecemento.

Todos os alí presentes quixeron animar á veciñanza de Palmeira, do municipio de Riveira e da comarca de Barbanza a que sexan solidarios con unha iniciativa da apoio a unha fundación dedicada a axudar a infancia.

Casa de familia
Neste senso, o seu director Ángel Martínez manifestou que esta entidade xestiona dende hai catro anos unha casa de familia en Riveira para albergar a menores que por determinadas situacións non poden vivir temporalmente nos seus fogares. Actualmente están a dar acubillo a dez nenos, aos que se suman outros catro que xa voltaron de regreso ás súas vivendas de orixe.

Faibén contará cun stand informativo na entrada do pavillón para divulgar a súa actividade e en especial o programa de adopcións especiais que están promovendo. A este respecto, Ángel Martínez subliñou que máis que o factor económico o máis importante para eles é que a xente saiba da existencia de nenos que precisan atención familiar.