A primeira reunión foi coa Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, comezou hoxe unha rolda de encontros co tecido empresarial no municipio que se irá completando nos próximos días con sucesivas reunións con representantes de todos os sectores e que pretende coñecer de primeira man a realidade dos empresarios do municipio e aportar solucións.
O primeiro encontro foi coa Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas e celebrouse na Casa do Concello. Á chamada asistiron tanto a xunta directiva da asociación como representantes dos establecementos asociados.
En primeiro lugar tanto Sandra Insua como a Axente de Desenvolvemento Local de Camariñas, María Jiménez, expuxéronlles aos empresarios as conclusións do Plan de Reactivación Económica para a Costa da Morte que foi presentado o luns en VImianzo. Ademais, a alcaldesa constatou a boa
acollida que tivo a medida adoptada polo Concello de suspender o pago das taxas das terrazas ata a próxima primavera.
Logo, tomaron a palabra os empresarios e empresarias, que expuxeron as súas inquietudes. A maior parte das dúbidas pola súa parte tiñan que ver co cumprimento das medidas necesarias para poder abrir os seus negocios con seguridade durante a desescalada. A alcaldesa comprometeuse a contactar coas autoridades sanitarias para coñecer a posibilidade de que un inspector de sanidade leve a cabo unha charla dirixida ao sector empresarial e poder así aclarar este tipo de cuestións.
Ademais, solicitaron máis control das forzas de seguridade para vixiar o cumprimento das regras establecidas durante a Fase 1 da desescalada e para que se teña un estrito control no cumprimento dos horarios de peche dos establecementos.
Autobús turístico ao Cabo Vilán
Unha das ideas que surxiu desta reunión é a de crear unha ruta turística en autobús para poder visitar o Cabo Vilán dun xeito controlado. Este itinerario funcionaría dúas veces ao día durante os meses de xullo e agosto e a saída sería desde Camariñas.
O proxecto estaría financiado conxuntamente polo Concello de Camariñas, a Asociación de Empresarios e a cota que teña que pagar cada turista para facer uso do servizo. Sandra Insua comprometeuse a pedir autorización á Autoridade Portuaria para que saía adiante esta iniciativa, xa que a vía que dá acceso ao faro é da súa titularidade. Agora mesmo está pechada xa que se teñen que acometer obras para a súa reparación pero, aínda cando estas estean listas, a intención da Autoridade Portuaria é a de limitar o tránsito de autobuses e por iso desde o Concello considérase que esta sería unha boa alternativa para manter o turismo.
Axudas directas
A rexedora explicoulles aos representantes da asociación que é primordial que logren captar o maior número de socios para poder xestionar dunha forma rápida as posibles subvencións e axudas directas que vaian surxindo xa que “é moito máis sinxelo e moito máis efectivo canalizalas a través dunha entidade, polo que quero incentivar ao resto de sectores produtivos a que se asocien dalgún xeito e poder chegar así a todos os niveis”.
Ao finalizar o encontro, Sandra Insua precisou que “vamos a seguir mantendo este tipo de reunións xa que isto só foi unha primeira toma de contacto para que nos contasen como pasaron o confinamento e como viviron a reapertura dos seus negocios”.