Friday 22 de November de 2024

Repartidos preto de 600 elementos de protección entre o comercio e a hostalería local por parte do concello de Ribeira


A Comisión de Seguimento de Evolución do COVID-19 deu conta esta mañá do material que se ten repartido ata o momento entre a hostalería e o comercio local coa fin de axudar á súa autoprotección nesta desescalada.

Así, segundo se fixo reconto, xa son preto de 600 os elementos subministrados, ben a través da Asociación de Empresarios de Ribeira ou ben directamente polos servizos municipais, como GAEM e Protección Civil. Deses elementos, 82 son mamparas separativas; 200, máscaras faciais; e 300 mascarillas.

Mercadiño
Outro importante asunto abordado hoxe é o do mercadiño. Despois dun pormenorizado análise incluíndo a consulta a outros municipios, acórdase que a reapertura este sábado sexa unicamente para produtos de alimentación e plantas, posto que non se pode asegurar que a parte téxtil estea en condicións a día de hoxe de cumprir cos protocolos de seguridade establecidos. O mercadiño situarase no seu lugar habitual na explanada portuaria coas medidas de separación, seguridade e sinalización xa fixadas ao inicio do estado de alarma e que logo foron adoptadas pola Xunta, ademais do disposto no Real Decreto 463/2020.

Outros acordos adoptados foron a ampliación do horario de apertura ao público da Oficina de Atención Cidadá, que pasa a ser de 9.30 a 13.30 horas; así como a extensión dos labores de limpeza e mantemento ao paseo do río de Artes, onde está previsto que esta semana actúe a empresa de inserción laboral da Asociación Amicos.

Así mesmo, deuse conta da incorporación do Concello de Ribeira á campaña “Veciño Solidario” promovida pola empresa deportiva Emesports.