Incluirá videopoemas na voz de Esperanza Mara, dúas sesións de contacontos e un concerto de María Faltri e Jorge Juncal
O Concello de Lousame iniciará mañá mércores 13 de maio a súa tradicional programación da Festa do Galego de Lousame, cuxa edición número dezaoito xirará en torno á figura de Ricardo Carballo Calero e terá lugar integramente por Internet por mor das restricións establecidas en resposta á pandemia do coronavirus COVID-19. Aínda así, a XVIII Festa do Galego de Lousame volverá incluír concertos e contacontos para os máis cativos, así como unha nova reivindicación da figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, para quen o Concello de Lousame leva anos reclamando a
dedicatoria dun Día das Letras Galegas.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, explica que “a programación especial da XVIII Festa do Galego de Lousame terá unha duración dun mes e optamos por centralizalo todo a través da páxina web municipal para facilitar un maior acceso de veciños e veciñas ás actividades e volver reivindicar que se lle dedique un Día das Letras Galegas ao cura de Fruíme, pois foi a maior figura literaria galeguista do seu tempo”. As distintas actividades poderán seguirse a través de www.concellodelousame.gal .
A programación comezará mañá mércores 13 de maio coa publicación do primeiro dos catro videopoemas elaborados por Emanarte Xestión Cultura. Trátase de catro vídeos de curta duración nos que Esperanza Mara recita outros tantos poemas de Ricardo Carballo Calero (13 e 16 de maio) e Diego Antonio Zernadas de Castro (6 e 13 de xuño), que foron editados por Theresa P Lousame.
Concerto e homenaxe
Así mesmo, o venres 15 de maio terá lugar un concerto de María Faltri e Jorge Juncal, de Urdime Propostas Culturais; mentres que o domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, o escritor Xulio Pardo de Neyra compartirá a charla “Zernadas de Castro e a súa obra”. Ese mesmo domingo, o Concello de Lousame realizará unha ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro en Fruíme, se ben nesta ocasión terá un carácter simbólico e non se convocará ningún acto aberto ao público, como en anos anteriores.
A programación do XVIII Festa do Galego de Lousame incluirá tamén dúas sesións de contacontos dirixidas aos máis pequenos da casa: o sábado 23 de maio da man de Atenea García (de Xarope Tulú) e o sábado 30 de maio a cargo de Pablísimo, ambos de Urdime Propostas Culturais.