Friday 22 de November de 2024

Reinicio paseniño da actividade en San Sadurniño… e sen perder de vista a prevención


 

Desde hoxe estamos en FASE 1 do proceso de transición cara á nova normalidade. O comercio minorista pode funcionar baixo estrictas normas de prevención e hixiene, a hostalaría tamén pode retomar a súa actividade nas terrazas sen superar o 50% e autorízanse os desprazamentos dentro da provincia, aínda que segue en vigor a regulamentación específica para paseos e deporte. San Sadurniño, igual que o resto de Galicia, notou esta mañá algo máis de movemento que en días pasados: movemento no banco -que segue atendendo só os luns e xoves-, máis fluidez nos supermercados e, no caso do centro urbano, só o café-panadaría Inxerto e mailo bar-estanco-ultramarinos Calvo serviron consumicións en terraza. Aléntase unha tímida normalidade secundada pola paseniña reapertura de pequenos negocios que, porén, non debe levarnos a rebaixar as medidas hixiénicas e preventivas. A COVID-19 segue sendo unha ameaza moi seria e moi real e por iso cómpre esforzarse aínda máis por cumprir as medidas individuais de prevención de contaxios: distancia social de 2 metros (máscara se non é posible), lavado de mans frecuente, non tocar ollos, nariz e boca, ebirrar/tusir contra panos desbotables ou contra o interior do cóbado e, fundamental, non saír da casa se temos algún dos síntomas da enfermidade.

O Concello retomará nos próximos días a súa actividade, aínda que se seguirá mantendo a combinación de traballo presencial e a distancia nalgúns postos. Tamén segue vixente a obriga de solicitar cita previa a través do 981 490 207 antes de achegarse ás oficinas municipais e, de momento, hai servizos que non abrirán ao público, como son a biblioteca, a Casa da Cultura, o ximnasio, o pavillón… nin tampouco os locais sociais de titulariedade municipal.

O consistorio tampouco reiniciará, por agora, a actividade cultural nin obradoiros presenciais que tiña en marcha, a pesar de que a orde do Ministerio de Sanidade xa autorice eventos con limitación de aforos e unha observancia exhaustiva da separación entre persoas.

Onde si se empezou a funcionar máis ou menos coma antes da crise foi no Centro de Saúde, que segue priorizando a cita previa, e na oficina de Correos, que desde hoxe volve estar aberta de luns a venres no seu horario habitual de 8.30 a 10.00h.

A Fase 1 autoriza o comezo da actividade hostaleira con certas restricións. Os restaurantes seguen pechados -e seguirán ata que poidan atender no interior- mentres que os bares e cafetarías xa poden atender na terraza, pero só a un 50% da súa capacidade. Ademais deben adoptar a medida de desinfectar mesas e cadeiras entre cada cliente. Na zona urbana esta mañá só abriran con esa opción dous establecementos que xa tiñan permitida de antes a actividade: a panadería Inxerto e o bar-ultramarinos-estanco Calvo.

No primeiro local montaron catro mesas onde desde primeira hora da mañá houbo o movemento habitual de entrar mercar pan, doces e empanadas respectando as quendas e só unha persoa cada vez no interior. A espera fíxose máis levadeira para algúns clientes e clientas que sentaron para tomaren fóra un café ou un almorzo completo aproveitando a agradable raiola da mañá.

Olga López, á fronte do negocio, explicaba que eles non notaron demasiado a crise, posto que o reparto a domicilio funcionou con normalidade, ao igual que o mostrador do obrador, onde foi necesario adoptar medidas preventivas como regular as quendas ou a instalación dunha mampara, ademais de dotar o seu persoal de máscaras e pantallas protectoras. “Aquí segue sendo máis ou menos igual. Atendemos unha persoa cada vez e antes xa había quen compraba o café e tomábao no coche, e agora poden tomalo sentados fóra. Do resto, todo igual”. O único cambio con respecto á semana pasada, segundo Olga, veu dado pola obriga de trasladar as medidas de hixiene na terraza “pasarlle unha baeta co desinfectante e xa está”, ademais de distribuír as catro mesas dispoñibles con máis de dous metros de separación entre elas.

A mesma medida foi a que se aplicou en Calvo, situando no exterior e a cada lado da porta dúas mesas con cadansúa parella de cadeiras. Outros bares do centro, como DZINE ou Santos, continuaban pechados esta mañá. Ao igual que o café bar Del Palacio -o mítico Gavín- que aínda está cos preparativos e “vendo a ver como vai a cousa” coas miras postas en abrir a terraza cara a fin de semana ou empezos da semana que vén, tal e como comentaba Xelo Gavín sen chegar a dar unha data concreta. Hoxe, a primeiras horas, foron moitos os vehículos que ao pasar por diante reducían a marcha con intención de parar para tomar o seu café, aínda que fose fóra, e, ao ver a persiana baixada, volvían acelerar para proseguir o camiño sen chegar a deterse. Aínda terán que agardar uns días máis.

O pequeno comercio arranca con incertidume
A Fase 1 da desescalada permite retomar a actividade con limitacións de aforo e estrictas medidas de hixiene noutros pequenos negocios, para os que xa non cumprirá cita previa. A Floristería La Feria, rexentada por Tania Couce, abría hoxe por primeira vez as súas portas tras case dous meses de peche. A súa economía resentiuse: “a verdade é que si, non só co cliente do día a día, senón vodas, comuñóns, (o confinamento) coincidiu co Día do Pai e da Nai. A ver, hai que tomar as cousas como se poida, pero bueno, eu teño que dicir tamén que telefonicamente tiven varios encargos para cestos de plantas, ramos, algo de funeraria… pouquiña cousa, pero algo estiven facendo”. Con todo, Tania móstrase optimista: “a partir de agora a xente vai ter moita precaución e vai vir mercar planta para xardín, flor para ir ao cemiterio agora que xa se pode ir, eu creo que vai ir ben a cousa”.

Marité Vieira, de Triscos e Fíos, é máis escéptica sobre a marcha do negocio a partir de agora . No local véndense artigos de mercería e roupa, ademais de facer bordados publicitarios e estampados de camisetas e outras prendas. Hoxe tamén abriu ao público xa sen cita previa e coa incerteza sobre canto vai tardar a recuperación. “Moito medo, non sabes como vai ser… eu que sei, ou vas para adiante ou para atrás… quizáis para atrás máis ben”, comenta Marité. Ten moi presentes as medidas hixiénicas e preventivas. O espazo non é moito e por iso atende a clientela de unha en unha persoa. Ten dispoñible xel hidroalcólico e desinfectante para o mostrador e para pasarlle ao probador e ás prendas xa que, asegura Vieira, “a saúde é o primeiro”.

Tamén están xa funcionando as dúas clínicas de fisioterapia que hai no concello, desde a semana pasada a da Penamoura (Naraío) e desde hoxe Fisio che ben, en Bardaos. Os irmáns Pablo e Marta González, da Clínica Penamoura, ampliaron horarios de mañá e de tarde para non coincidir os dous ao mesmo tempo, pero tamén para facer labores de desinfección entre persoas usuarias e para manter unha correcta ventilación dos espazos. En Bardaos, Mónica Muíño, propietaria de Fisio che ben, programou horarios de consulta asíncronos para evitar a coincidencia de clientela, tendo en conta que non está autorizado o uso da sala de espera. De momento atenden ela outra fisioterapeuta, posto que a terceira que ten esta clínica en plantilla atópase en ERTE “mentres a situación non se normalice”. Neste caso as sesións reduciron brevemente a súa duración para facer unha hixienización máis exhaustiva das salas. Quen tamén leva varios días traballando con cita previa e aplicando as estrictas medidas decretadas polas autoridades sanitarias é a clínica podolóxica EnPé, rexentada por Roi Painceira.

A actividade no Centro Municipal de Empresas, tamén pouco a pouco
Outro punto de referencia sobre o impacto da crise nos pequenos negocios, sobre todo no tocante a servizos profesionais, é o Centro Municipal de Empresas. Nel houbo quen se acolleu ás axudas estatais para a interrupción da actividade e quen optou polo teletraballo, como por exemplo a avogada Paula Fernández Barcia, que atende desde a casa consultas e xestións relacionadas con temas laborais principalmente.

Non interrompeu o seu labor Entremedias Imaxe e Comunicación, por ter entre as súas actividades a xestión da información municipal, considerada como unha das esenciais durante o Estado de Alarma, aínda que si suspendeu as outras, como por exemplo a atención presencial e a fotografía de carné.

Tamén está funcionando a oficina de asesoría gandeira da asociación PROLEGA, centrada nestes momentos na programación das solicitudes das axudas da PAC, e de cara á semana que vén reincorporarase a logopeda Alba Gil Castro. “Nesta semana empezarei a poñer horarios e retomarei a actividade o día 18. Con respecto, sentido sempre, e tomando todas as medidas de seguridade que temos que ter. O meu negocio ten contacto físico, fago sesións individuais, non grupais, e as medidas de seguridade teñen que ser moi estrictas”

O Concello remitiu hai uns días un protocolo sobre o reinicio de actividades dentro do centro empresarial. O recinto contará con xel desinfectante e con carteis informativos. O uso do ascensor está restrinxido só para casos de mobilidade reducida e está prohibido o uso da sala de espera. Ás empresas insísteselles en que deben atender con cita previa, só unha persoa cada vez e adoptar todas as medidas de hixiene e de distanciamento social para garantir a saúde da clientela e do persoal. Neste sentido indícase como “altamente recomendable” o uso de máscara por ambas partes, especialmente nas oficinas máis pequenas, onde non é posible manter a distancia interpersoal de 2 metros.

Moita precaución ante todo
O que vimos repetindo unha e outra vez desde hai case dous meses: seguimos en Estado de Alarma, o coronavirus é un perigo real e temos que extremar as medidas preventivas empezando polo noso comportamento. Agora, con máis posiblidades de movemento, a contención dos contaxios recae directamente sobre a capacidade que teñamos de respectar as medidas hixiénicas: distancia social, lavado de mans, non tocar ollos, boca e nariz e a “etiqueta respiratoria” que aparece no BOE e que non é máis que a recomendación de tusir ou esbirrar contra panos desbotables ou contra o interior do cóbado.

Hai que ter coidado co asunto das xuntanzas permitidas para grupos de ata 10 persoas e a autorización para ir ver familiares. Recórdase que hai que manter a distancia de 2 metros tamén neses casos de persoas non convivintes, polo que é mellor reservar os bicos e abrazos para cando se poidan dar con total seguridade.

As máscaras son obrigatorias no transporte público e tamén cando nun mesmo vehículo viaxen persoas que non convivan no mesmo domicilio. No resto de casos seguen sendo só unha recomendación, sobre todo se non se poden manter as distancias de seguridade. Hai que ter en conta que unha máscara hixiénica ou cirúrxica non nos protexe dos contaxios, senón que evita que nós contaxiemos a outras persoas. Tamén é importante ter moi presente que unha máscara mal colocada, reutilizada cando é dun só uso ou manipulada sen ter as mans desinfectadas pode ser peor que non levar nada.