Friday 22 de November de 2024

Camariñas organiza un concurso telemático polas Letras Galegas 2020


A actividade, denominada ‘Que sabes das nosas letras?’ parte da Biblioteca Municipal.

O confinamento non impediu celebrar o Día do Libro en Camariñas e agora a desescalada non vai poder coas Letras Galegas xa que a Biblioteca Municipal comezou hoxe o concurso telemático ‘Que sabes das nosas letras?’.
Esta actividade consistirá en responder cuestións e superar certos retos propostos pola organización desde o 11 ata o 16 de maio e relacionados sempre coa cultura galega e especificamente coa lingua e literatura do país.
Por cada unha destas probas asignarase unha puntuación e a resposta correcta farase pública ao día seguinte.
Realizarase vía telemática, utilizando a rede social Whatsapp a través do número de contacto 665 13 44 90. Poden participar, de xeito individual, todos os que estean adscritos ás listas de difusión elaboradas para o Destronavirus.
Premios para axudar ao comercio local
Esta iniciativa cultural tamén ten un obxectivo solidario xa que se repartirá un total de 300 euros en premios en forma de bonos para canxear nos comercios de Camariñas.
Haberá un bono con valor de 30 euros para os cinco primeiros clasificados, outro de 20 euros para os clasificados entre o sexto e o décimo posto e outro de 10 euros para os que clasifiquen entre o undécimo e o décimo quinto posto.
Ademais, todos os que participen neste concurso recibirán como agasallo asegurado un libro.