Os participantes nestas accións de promoción, entre os que se inclúen 63 xornalistas e 22 operadores turísticos, pertencen a dez nacionalidades distintas
Organizadas por Turismo de Galicia, o pasado ano tiveron lugar na Comunidade galega 17 viaxes de familiarización turística, unha forma de promoción turística que, baseada no coñecemento ‘in situ’ do destino, ten, por un lado, unha grande importancia para os axentes de viaxe, porque poden prescribir o destino cun mellor coñecemento, e, por outro, un gran valor publicitario para o territorio receptor xa que os seus atractivos e recursos turísticos son difundidos mediante reportaxes e informacións variadas nos medios de comunicación.
As viaxes de familiarización trouxeron a Galicia en 2014 un total de 85 persoas, entre as que se inclúen xornalistas e operadores turísticos. Os representantes dos medios de comunicación foron 63, mentres que os operadores turísticos foron 22.
Canto ao número de viaxes, 3 foron viaxes para operadores turísticos e 14 foron press trip, viaxes para xornalistas.
Orixe dos participantes
Con respecto á orixe dos participantes nas viaxes de familiarización organizadas por Turismo de Galicia en 2014, estes procedían maioritariamente do mercado internacional, 76 persoas, e 9 viaxeiros españois. Deste xeito, Turismo de Galicia organizou 15 viaxes de familiarización para xornalistas e operadores turísticos do exterior, e dúas para profesionais nacionais.
Canto á nacionalidade, ademais de España, con dúas viaxes, Turismo de Galicia organizou 4 viaxes para 19 persoas, do mercado francés; 3 viaxes para 16 persoas, do mercado alemán; unha viaxe para 8 persoas, do mercado finlandés; 1 viaxe para 8 persoas, do mercado suízo; unha viaxe para 4 persoas, do mercado da República de Irlanda; unha viaxe para 3 persoas, do mercado do Reino Unido; unha viaxe para dúas persoas, do mercado de Austria; unha viaxe para dúas persoas, do mercado letón; unha viaxe para dúas persoas, do mercado dos Países Baixos; e unha viaxe para 12 persoas, de mercados asiáticos.
Un retorno publicitario de máis de 500.000 euros
Polo que respecta ao retorno publicitario das viaxes de familiarización de xornalistas, cabe salientar que a publicación de informacións nos distintos medios que participaron nestas, supuxeron un total de 509.670,84 euros, segundo as tarifas publicitarias vixentes nestes medios de comunicación no momento da edición destas.