A alcaldesa, Sandra Insua, indicou que estes traballos comezarán a vindeira semana e que servirán para “garantir que estes espazos, máis frecuentados polos veciños e veciñas do municipio conten coas máximas garantías de seguridade”.
O Concello de Camariñas segue impulsando medidas para frear, dentro das súas posibilidades, o impacto do coronavirus do municipio. Agora, o Concello está centrando, boa parte dos seus esforzos, en garantir a máxima protección nalgúns dos puntos e espazos máis concorridos do municipio.
Baixo esta premisa, instalaranse mamparas de protección nos edificios municipais e dispensadores de xel hidroalcohólico nos colexios e parques infantís.
Así o confirmou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que explica que os traballos comezarán a vindeira semana e que servirán para “garantir que estes espazos, máis frecuentados polos veciños e veciñas do municipio, conten coas máximas garantías de seguridade”.
Esta medida compleméntase con outras adoptadas polo goberno local nas últimas semanas, como o reparto de pantallas de protección que o Concello realizou entre o tecido comercial do municipio.