O Concello vén de dar luz verde a unha nova convocatoria do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira: a oitava xa, dende a posta en marcha deste certame de carácter bienal que se puxo en marcha no 2006 coincidindo coa celebración dun século dende o outorgamento da concesión do título de cidade a Ribeira polo Rei Alfonso XIII.
O prazo de participación comezará correr unha vez as bases desta convocatoria se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, algo que está previsto teña lugar na semana próxima.
O escritor local Antonio Piñeiro, con Celada, é o último gañador dun certame que tamén tivo entre os autores distinguidos a Begoña Paz, Ignacio Silva, Goretti Fariña, David Pobra, Amadeo Cobas e Antonio Tizón. Ademais dos 3.000 euros do premio cómpre destacar que a obra que resulte distinguida será publicada pola editorial Xerais.
As bases son as seguintes:
1. As bases reguladoras deste premio foron aprobadas polo Pleno do Concello de Ribeira e publicadas como Ordenanza reguladora do premio do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira no BOP da Coruña do 29 de maio de 2018.
2. Poderán concorrer ao certame de novela curta todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia, cun único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003) de temática libre, orixinal e inédito. As/os participantes atoparanse ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estarán incursos en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións. A concesión efectuarase mediante un réxime de concorrencia competitiva.
3. A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 caracteres con espazos, presentarase por quintuplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara (tipo de letra Times New Roman, tamaño 12), debidamente grampados ou encadernados co título e pseudónimo, sen firma ou calquera outro elemento que poida ser identificador do/a autor/a. Deberá ademais necesariamente incorporar un CD co arquivo dixital do texto en formato Word, OpenOffice ou similar.
4. Para a concesión do premio valorarase a técnica literaria, a calidade da escritura e a orixinalidade, entre outros aspectos.
5. A plica, en sobre á parte co título e o pseudónimo, deberá conter no seu interior os datos do autor/a e fotocopia de identificación (DNI/ Pasaporte), así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita.
6. O prazo de admisión dos orixinais comezará ao día seguinte da publicación desta convocatoria no BOP da Coruña e rematará o 23 de marzo de 2021 –incluído-.
7. Os traballos, citando “VIII Concurso Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira”, remitiranse a: Concello de Ribeira, Rexistro Xeral. Á/a da Área de Cultura, Praza do Concello, s/n, 15960, Ribeira, A Coruña, España.
8. Establécese un Primeiro e Único premio de 3.000,00 €, diploma conmemorativo e publicación da obra, que será realizada por Edición Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
9. O/A autor/a terá que recoller persoalmente o premio na data, lugar e hora que sinale a organización do certame, a non asistencia, ou delegación sen que estea debidamente xustificada por causa maior, suporá a renuncia a este.
10. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que non quedará deserto. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio e emitirá publicamente o seu veredicto no mes de maio de 2021. A decisión do xurado proporase á XGL de Ribeira, órgano que tomará acordo e cuxa resolución porá fin á vía administrativa. A presentación a este concurso non xera dereito ningún ata a decisión do xurado e a aprobación pola XGL.
11. O acto de entrega terá lugar, preferentemente, no mes de maio de 2021, do cal se dará conta aos medios de comunicación. A publicación e presentación da obra gañadora será en 2022.
12. Os traballos non premiados serán destruídos vinte días despois do veredicto, polo que a súa reclamación farase persoalmente no C.C. Lustres Rivas de Ribeira durante ese prazo. Non se manterá comunicación cos participantes, agás co autor/a da obra premiada.
13. O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das devanditas bases.