O Concello de Fene recibiu pasadas as oito deste serán unha comunicación aclaratoria da FEGAMP ao respecto das circunstancias para o levantamento das restricións horarias naqueles núcleos de poboación menores de 5.000 habitantes. No comunicado recóllese o listado de parroquias de toda Galicia facilitado pola Xunta e delégase nos Concellos a potestade de establecer as zonas en que se manterán as franxas diarias para dar paseos ou facer actividade física ao aire libre. Neste sentido, o Concello de Fene -cuxos núcleos son todos inferiores a 5.000 habitantes- decidiu suprimir as limitacións en todo o seu territorio, de maneira que a partir de mañá as saídas permitidas se poderán facer nas zonas rurais e nas parroquias urbanas dentro do horario comprendido entre as 6.00h. e as 23.00h.
Deste xeito finaliza toda unha xornada de incertidume en que o Goberno local tentou recabar da Xunta e da Delegación do Goberno unha comunicación formal e aclaratoria sobre o alcance da medida anunciada onte á tardiña polos medios de comunicación e que debía terse aplicado desde hoxe. Finalmente a Xunta achegou a aclaración a través da FEGAMP, quen cursou aviso a todos os municipios pouco despois das 20.00h.
O Goberno local interpreta a autorización no seu sentido máis amplo, incluíndo no levantamento das restricións tanto as parroquias rurais como aquelas limítrofes que conforman a principal zona urbana. Deste xeito, en Fene, Perlío, San Valentín, Sillobre, Maniños, Barallobre, Magalofes e Limodre poderanse dar paseos e facer actividade física ao aire libre entre as 6.00h. e as 23.00h. nas mesmas condicións que nos concellos menores de 5.000 habitantes.
Porén, desde o Concello quérese recordar que a medida non significa un alivio das precaucións que se deben tomar para previr contaxios -distanciamento social, evitar aglomeracións, hixiene e etiqueta respiratoria, etc.- nin tampouco da normativa que segue rexendo a mobilidade durante o Estado de Alarma. As principais cuestións que se deberán cumprir son as seguintes:
Os paseos de persoas maiores de 14 anos cunha persoa convivente deberán darse nun radio máximo de 1 quilómetro ao redor do domicilio. Será de aplicación tamén a persoas maiores ou dependentes acompañadas dunha coidadora. En calquera caso, máximo dúas persoas e unha vez ao día entre as seis da mañá e as once da noite.
Autorízase tamén entre as 6.00 e as 23.00h. a práctica de actividade física e de calquera deporte individual -correr, montar en bici, entre outras,- sen exceder o ámbito territorial do municipio e unha vez ao día no caso de deporte non profesional.
Seguen manténdose as condicións para o paseo con nenos e nenas menores de 14 anos: 1 quilómetro ao redor da casa, máximo tres menores acompañados dun só adulto, e unha vez ao día.
Deberase gardar a distancia de seguridade de 2 metros entre persoas non convivintes. Estas actividades poden facerse na vía pública, zonas verdes e espazos naturais, pero non en instalacións deportivas pechadas.
MOI IMPORTANTE: Non se poderá coller o vehículo ou o transporte público para ir facer exercicio a outro punto. A actividade física -deporte e paseos- debe realizarse de maneira ininterrompida e evitando paradas innecesarias nas vías ou espazos de uso público. Tamén cómpre coidar as medidas de hixiene e evitar os lugares nos que poidan producirse aglomeracións.
Terán que permanecer na casa as persoas que presenten algunha sintomatoloxía coincidente coa COVID-19 ou que deban gardar corentena.