Thursday 21 de November de 2024

Lousame celebra por videoconferencia a sétima Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero


O Concello porá en marcha “Lousame Coeduca”, un programa de actividades de sensibilización dirixidas a nenos/as de 3 a 16 anos

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo Filgueira, presidiu esta mañá a sétima reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, na que deu conta das actuacións previstas polo Concello de Lousame dirixidas á sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres. Unha reunión que tivo que celebrarse mediante videoconferencia, atendendo ás medidas de prevención indicadas pola crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Na sesión participaron, ademais da propia concelleira,María Isabel Álvarez García, xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en A Coruña; Pilar Cobas Cajuso, directora do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Avelino Rivadulla Iglesias, garda civil encargado das vítimas de VIOGEN; Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.
Lousame Coeduca
No encontro, todas as persoas integrantes da Mesa informaron e compartiron experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para anunciar que o Concello de Lousame vai levar a cabo, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, o programa “Lousame Coeduca”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade.
“Trátase dun programa de actividades de sensibilización dirixidas a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e na escola, en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias”, explicou a concelleira.
O programa terá lugar unha vez que se superen as restricións actuais por mor do coronavirus. Co alumnado dende Educación Infantil ata quinto de primaria realizaranse obradoiros coeducativos sobre estereotipos de xénero, corresponsabilidade familiar, visualización das mulleres da súa contorna e coeducación emocional. Estes talleres “teñen a finalidade de promover a Igualdade e a eliminación de estereotipos entre os máis cativos/as. Conteñen actividades que promoven a creatividade, o aprendizaxe cooperativo, a capacidade comunicativa, a actitude crítica e a educación para a paz libre de estereotipos”, sinala Silvia Agrafojo.
Co alumnado de 6º de Primaria e Secundaria levaranse a cabo obradoiros onde se traballará a erradicación dos estereotipos e da violencia de xénero mediante o cine, o teatro, o baile e a radio. Tamén se tratará sobre a resolución pacífica dos conflitos.
Plan Municipal de Igualdade
Así mesmo, Silvia Agrafojo deu conta das últimas actuacións levadas a cabo dende o seu departamento. Así, dende o mes de abril o Concello colabora na difusión da campaña "Estamos contigo", do Ministerio de Igualdad, da Secretaría Xeral da Igualdade e da Deputación da Coruña, co fin de facilitar información sobre os recursos en activo para a prevención da violencia de xénero en situacións de confinamento polo COVID-19, dirixidos a mulleres que precisen axuda, asesoramento, atención psicolóxica ou xurídica.
Finalmente, informou de que o pasado 14 de febreiro se aprobou o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2020-2024. A concelleira explicou que “este novo Plan mantén como un dos seus eixes principais a área de prevención da violencia de xénero, na que establece como obxectivos garantir unha atención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e informar e sensibilizar á cidadanía nesta materia. Para conseguilo, seguiremos traballando coa sensibilización e coa educación en igualdade como ferramentas claves para previr os comportamentos e actitudes machistas na sociedade”.
A mesa acordou fixar o venres 6 de novembro de 2020 como data para a vindeira xuntanza
ordinaria.