Thursday 21 de November de 2024

Os mercados de Rodiño e Lestedo en Boqueixón xa poden reabrir cos postos de alimentación


 

O domingo o mercado de Rodiño, en Boqueixón, abrirá de novo, aínda que só cos postos de produtos agrícolas e gandeiros de alimentación e produtos perecedeiros. E o vindeiro domingo 17 de maio, reactivarase tamén o mercado de Lestedo. A Xunta de Galicia permitiu a reapertura dos mercados de proximidade, en función do avance temporal do estado de alarma e da constatación de datos de evolución positiva na loita contra a pandemia do coronavirus. A Consellería de Medio Rural publicou unha modificación da Orde do 24 de marzo para posibilitar a apertura destas feiras. Se ben, os mercados locais só poderá vender produtos agroalimentarios e os postos deberán cumprir unha serie de normas específicas para que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde. O alcalde de Boqueixón indicou que “dende o Concello traballase para garantir a total seguridade e hixiene destes mercados, e que a prioridade é sempre a saúde dos veciños e veciñas de Boqueixón”.
As persoas vendedoras e a clientela deberán respetar as distancias de seguridade indicadas pocas autoridades sanitarias, de entre 1,5 e 2 metros. O uso de máscaras e luvas é recomendable, pero no caso dos vendedores é obrigatorio o uso de luvas. Tamén se recomenda contar con dispensadores de xel desinfectante para uso, tanto dos vendedores como dos usuarios.
Mercaproximidade
Os pequenos produtores poderán seguir tamén vendendo os seus alimentos a través da canle de comercialización Mercaproximidade, impulsada pola Xunta nestes tempos de emerxencia sanitaria. Esta nova fórmula de venda permite dar saída aos excedentes de pequenos agricultores e gandeiros que tiñan as súas principais canles de venda pechadas, é dicir, a hostalaría e a restauración. Polo tanto, son actividades e fórmulas de venda totalmente complementarias.