Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene colabora cos taxistas na hixienización dos seus vehículos


A área de Seguridade do Concello de Fene ofreceulles hai uns días aos taxistas da localidade a posibilidade de levar a cabo un programa conxunto de desinfección dos seus vehículos de cara a afrontar a Fase 1 da desescalada con maiores garantías de seguridade tanto para eles e elas como para a súa clientela, en previsión de que coa nova etapa se incremente tamén o uso deste transporte. Esta mañá xuntáronse na praza do Alcalde Ramón Souto González para tratar os coches cun produto que tamén se lle aplicou aos vehículos de Protección Civil, da Policía Local e da Garda Civil.

Trátase dunha acción complementaria das recomendacións hixiénicas e sanitarias que xa se deben adoptar dentro dos protocolos de prevención de contaxios do coronavirus. De feito, as autoridades sanitarias recomendan desinfectar todas as partes dos vehículos que se tocan coas mans, como manillas de portas, volante, panca das marchas, freo de estacionamento, retrovisores, fibelas e enganches de cintos, mandos da radio, da calefacción, etc.

Estas medidas -que son útiles para calquera tipo de vehículo- aínda deben ser máis estrictas no caso de coches coma os da Policía local ou a Garda Civil, posto que son utilizados por distintas persoas en varias quendas ao longo do día. Tamén no caso dos taxis, que seguramente incrementen a partir da semana que vén o número de viaxes.

Da aplicación do tratamento ocupouse a propia agrupación local de Protección Civil, quen se encargou de repasar os vehículos das forzas da orde e tamén os taxis que se achegaron a media mañá á praza do Concello.

Cómpre lembrar que desde o luns é obrigatorio o uso de mascarillas en todo o transporte público -incluídos taxis- e recoméndase o pagamento das carreiras con tarxeta ou con dispositivo móbil para evitar no posible o contacto cos cartos.