Saturday 16 de November de 2024

O concello amplía a zona peonil entre Catro Camiños e Matogrande


Desde hoxe, a veciñanza contará nas súas saídas con máis espazo para pasear en Fernández Latorre e nas avenidas de Monelos, Pérez Ardá e Salvador de Madariaga

O concello ampliará desde hoxe as zonas peonís no itinerario que vai desde Catro Camiños até Matogrande, para favorecer o tránsito das e dos coruñeses nas saídas permitidas dentro desta desescalada. En Fernández Latorre, desde Alcalde Marchesi até Ramón y Cajal, manterase un único
carril de circulación en sentido Catro Camiños, para o que se desprazará a parada de taxis ao carril dereito. A dita parada quedará sinalizada cunha barreira Newyersys. Tamén se suprimirá o estacionamento fronte á farmacia Castro, que se reservará xunto ao carril dereito, co fin de lle facilitar o paso a pé á veciñanza. Neste punto, respectaranse a reserva do hotel e a praza para persoas con mobilidade reducida. En Benito Blanco Rajoy, eliminaranse temporalmente as reservas de motos.

Por outra banda, na avenida Pérez Ardá, actuarase na marxe de El Corte Inglés e manterase como mínimo un carril de circulación. No tramo onde está o centro comercial, habilitaranse beirarrúas unidireccionais para as peoas e peóns, usarase a medianeira vexetal como separación. Instalaranse carteis informativos coma os que xa hai na avenida da Habana, sen que estes invadan en ningún momento a calzada.

No tramo do colexio San Francisco Javier, desprazarase o estacionamento ao carril dereito e suprimirase o carril bici. O espazo gañado para o tránsito peonil sinalarase mediante unha barreira Newyersy. En Joaquín Galiacho non se realizará ningún cambio, ao considerar que a beirarrúa existente ten o ancho suficiente e que, en caso de necesidade, poderíase suprimir o carril bici para ampliar a zona peonil.
Canto ao cruzamento coa avenida de Monelos, manterase o paso peonil e habilitaranse beirarrúas unidireccionais para as persoas que se despracen a pé. Tomarase a medianeira como barreira.

Na avenida Salvador de Madariaga, actuarase na marxe esquerda en sentido Matogrande e manteranse os dous carrís de circulación. Ademais, suprimirase o carril bici case na súa totalidade e habilitaranse beirarrúas unidireccionais para as peoas e peóns, que usarán a beirarrúa existente para se dirixiren á avenida Monelos, e o carril bici para iren en sentido a Matogrande. Con esta medida, non hai que retirar os elementos de balizamento do carril bus e aproveitarase para facer unha separación nos cruzamentos coas prazas intermedias a través de barreiras Newyersys, coa finalidade de definir eses puntos críticos.