Thursday 21 de November de 2024

O alcalde e os edís de Turismo e Urbanismo reúnense coa Asociación Hostalería Compostela


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; e o responsable de Turismo, Sindo Guinarte, mantiveron un encontro a través de videoconferencia coa Asociación Hostalería Compostela. Ademais de tratar a actual situación na que se atopa o sector, o rexedor informounos de que, previsiblemente na Xunta de Goberno do vindeiro venres, se convocará unha liña de axudas ao pago de xuros á que se poderán acoller as empresas de hostelería e restauración.

Ademais destas subvencións, o Concello de Santiago está preparando outra proposta de axudas para sector semellante e paralela á que se fixo para o comercio. O alcalde espera ter últimada esta convocatoria para a semana que vén. Ademais, no encontro acordouse crear unha comisión mixta, na que se se tratarían, entre outros asuntos, o tema das terrazas. Por parte do Goberno municipal estará formada polos concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Turismo, Sindo Guinarte;e de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Gonzalo Muíños.

Neste momento, as empresas do sector de restauración e hostalería estanse a beneficiar das bonificacións previstas con carácter xeral respecto ás taxas de lixo e de ocupación de espazo por terrazas establecidas nas disposicións aprobadas pola Xunta de Goberno local o pasado 20 de abril.