Friday 22 de November de 2024

Reanúdase a pesca fluvial e, a partir do luns, tamén as queimas agrícolas e o proceso de admisión no CPI


 

O Diario Oficial de Galicia deste mércores 6 de maio vén cargadiño de acordos adoptados no seo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria que buscan aclarar ou desenvolver a normativa estatal sobre o proceso de desescalada. Son unha quincena de apartados que abranguen múltiples cuestións, aínda que quizais as máis trascendentes sexan as relativas á autorización da pesca fluvial e marítima, ao reinicio a partir do luns dos prazos de solicitude de admisión de alumnado nos centros de ensino non universitarios -ademais da reprogramación de prácticas na FP dual- e tamén o feito de que, desde o luns 11, poderán volver facerse as comunicacións previas de queima de restos agrícolas.

Recomendamos unha lectura pormenorizada do diario desta mañá, ao que se pode acceder desde aquí, posto que nel vén detallado o alcance de máis medidas que as que imos repasar a continuación de forma moi sintética por consideralas de interese para a veciñanza ou pola trascendencia e aplicación práctica no noso concello. A escolma que fixemos comeza, precisamente, polos permisos de queima:

PERMISOS DE QUEIMA: Autorízanse os permisos e comunicacións previas para queimar restos forestais e agrícolas en terreo rústico a partir do luns 11 de maio. É importante ter en conta que non serven as comunicacións e autorizacións que quedaron suspendidas polo Estado de Alarma, senón que haberá que volver facer a solicitude (no caso de restos forestais) ou a comunicación (se se trata de restos agrícolas). Cómpre mencionar, ademais, que desde onte volve ser obrigatorio ter á man unha declaración responsable para os desprazamentos ás hortas e cultivos non profesionais -tamén se nos movemos para queimar- , tal e como se recolle nunha orde publicada pola Consellaría do Medio Rural. Nesa declaración, que deberemos levar con nós por se nos paran, debe figurar as referencias catastrais das leiras e o tipo de cultivo que hai nelas.
PESCA FLUVIAL: Queda restablecida a actividade da pesca fluvial, tanto federada como non federada, aínda que sometida ás mesmas restricións da mobilidade que están en vigor e á normativa específica da pesca. En San Sadurniño, por ser municipio con menos de 5.000 habitantes, a actividade física e o deporte están autorizados sen franxas horarias, aínda que a súa práctica só pode desenvolverse unha vez ao día e sempre sen saír dos límites municipais.
TRANSPORTISTAS QUE ESTEAN AGARDANDO POLO CAP: Para aqueles condutores e condutoras que superasen as probas de obtención do Certificado de Aptitude Profesional que lles dá acceso a esta actividade, a Xunta facilitaralles unha certificación dixital mentres non poidan entregarlles presencialmente a tarxeta CAP definitiva. Terá unha vixencia de 3 meses e só será válida para o territorio de Galicia.
COLOCACIÓN DE MOBLES, COCIÑAS E DEMAIS ELEMENTOS DE CARPINTARÍA NOS DOMICILIOS PARTICULARES: A Xunta proporalle á Administración do Estado que estas actividades poidan desenvolverse, posto que non están recollidas en ningunha orde ministerial. En calquera caso, estes labores han de desenvolverse en condicións de seguridade, autoprotección e distanciamento social.
RESTABLECEMENTO DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DO ALUMNADO NOS CENTROS DE ENSINO: A partir do 11 de maio retomarase o proceso de admisión da rapazada de 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato para o curso 2020/21. Os novos prazos serán os seguintes:
Solicitude: do 11 ao 18 de maio
Documentación acreditativa dos criterios de baremación: ata o 26 de maio
Listaxes provisionais: antes do 9 de xuño (Alegacións durante 3 dias hábiles trala publicación)
Listaxes definitivas: até o 26 de xuño
Matrículas en infantil e primaria: do 1 ao 10 de xullo
Matrícula ordinaria en ESO e Bacharelato: do 1 ao 10 de xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro
A Xunta tamén levantou a suspensión da formación profesional que se desenvolve en centros de traballo
ACTIVIDADE FÍSICA AO AIRE LIBRE PARA COLECTIVOS VULNERABLES: A Xunta non a autoriza esas actividades no caso de residentes en centros para persoas discapacitadas nin tampouco nos centros sociosanitarios de persoas maiores mentres dure o Estado de Alarma. Si poden facer exercicio no exterior os residentes en centros de menores, sempre acompañados/as.
ATENCIÓN A EMBARCACIÓNS EN PANTALÁNS E PESCA MARÍTIMA (RECREATIVA E DEPORTIVA): San Sadurniño non ten mar, pero si ten veciños e veciñas que posúen embarcacións, xa sexa amarradas en pantaláns ou tapadas na casa, ou que practican a pesca recreativa e deportiva. A pesca marítima recreativa/deportiva está autorizada, así como a atención ás embarcacións amarradas, pero debe terse en conta que neste momento só están autorizados os desprazamentos para a práctica de actividade física dentro do concello de residencia e, polo tanto, só as persoas dos municipios costeiros -ou que dean á ría- poderán practicar a pesca recreativa ou deportiva e atender as embarcacións amarradas. Ademais, a práctica desas actividades tamén está suxeita ás franxas horarias de aplicación nos municipios de máis de 5.000 habitantes. Dito doutro modo, a xente de Cariño pode ir pescar ao peirao, pero a de San Sadurniño non pode ir de pesca a Cariño.