O Concello de Ribeira vén de solicitar á Delegación do Goberno en Galicia que nas oito parroquias do municipio con poboacións inferiores aos 5.000 habitantes (é dicir, todas menos a da cidade, Santa Uxía) non rexa o establecemento de franxas horarias á hora de poder saír ao aire libre para a práctica de actividades físicas, tales como paseos ou deporte individual.
Esta petición, que foi acordada hoxe na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19, deriva da recente disposición do Goberno Estatal en función da cal non se aplican tales restricións a “núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes”, o que a xuízo do Concello se cumpre no caso das oito parroquias referidas (Artes, Aguiño, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira e Palmeira), e que ademais redundaría en beneficio do comercio e a hostalería destes núcleos.
Mercadiño
Outro asunto abordado na Comisión ten que ver coa celebración este sábado 9 do mercadiño limitado a produtos agroalimentarios. Decidiuse que se celebre na explanada portuaria coas medidas preventivas establecidas pola Xunta. Sen embargo, a partir do 16, haberá unha reestruturación de tal xeito que a parte téxtil (que xa se poderá incorporar ao abeiro da fase 1 do plan estatal de desescalada) seguirá estando ubicada na explanada portuaria, mentres que a parte agroalimentaria se trasladará á praza de España coa fin de poder cumprir os condicionantes esixidos de distancias, aforo, etc.
Noutra orde de cousas, cómpre informar de que hoxe está previsto que se conclúa o reparto domiciliario de mascarillas, do que só faltaba unha parte do casco urbano. Ademais, dende a Comisión fíxose público un novo agradecemento a Frinsa, esta vez por unha doazón de conservas con destino aos bancos de alimentos de Cáritas e ICE Renovación.