Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche traballa para reabrir o mercado o sábado 16 de maio e prevé que as feiras mensuais poidan retomarse en xuño


 

Os mercados dos sábados que se celebran na antiga nave dos queixos de San Ramón poderían retomarse o próximo 16 de maio. Esa é a intención do Concello tendo en conta que para daquela estariamos xa na Fase 1 do plan de desescalada gobernamental, onde se autoriza a celebración de mercados de proximidade, e tamén a publicación onte mesmo dunha resolución de Medio Rural autorizando este tipo de eventos, aínda que con restricións. Ademais, o Executivo contactou cos vendedores e todos están de acordo en reiniciar o mercado tan pronto como sexa posible e sempre garantindo as medidas preventivas e de hixiene, sobre todo as referidas ao distanciamento social. Para iso o espazo dispoñible ampliarase a toda a superficie do recinto e, polo momento, só acudirán os expositores de produto agroalimentario. Por outra banda, o Concello tamén agarda poder reiniciar proximamente as feiras do 11 e do 23, aínda que para iso cumprirá unha planificación maior e un cambio na normativa autonómica, que neste intre só permitiría a venda de produtos agrarios ou gandeiros -nada de roupa, madeira, utensilios ou calzado-, cunhas distancias entre postos de ata seis metros e con limitación de aforo. Estímase que as feiras mensuais poderían volver no mes de xuño pero, en calquera caso, a data concreta comunicaráselles aos postos habituais e será preciso coordinar o reinicio coa Garda Civil para garantir o cumprimento das medidas de seguridade.

Beatriz Bascoy explica con respecto aos mercados dos sábados que o Concello lle solicitou á Xunta “hai máis de dez días” a autorización para poder retomar a actividade, pero que desde o Goberno utonómico se remitiu á orde de Medio Rural do pasado 23 de marzo que prohibía a celebración de feiras e mercados. Agora a situación cambiou, despois de que a Consellaría publicase onte mesmo unha resolución na que se levantan as restricións, aínda que baixo condicións que aseguren o distanciamento social.

Así, segundo a nova resolución autonómica, “só se poderán vender produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros”, de maneira que deste primeiro mercado da desescalada quedarían fora a venda de agasallos, o téxtil e os artigos de mercería. Tamén se limita o número de postos a un 25% dos habituais e unha afluencia máxima inferior a un terzo do aforo habitual do mercado, algo que no caso de Moeche se poderá compensar ampliando a área comercial a toda a superficie da nave, posto que agora o mercado só se estaba desenvolvendo na metade do sitio dispoñible.

“A primeira medida é ampliar o espazo, co fin de que poidan abrir todos os postos habituais. Pero ademais diso tamén mercamos mamparas para os postos e dispensadores de xel, deseñouse unha nova colocación que permita manter a distancia de seguridade e xa se encargou a sinalización para o chan e máila rotulación indicativa de normas de obrigado cumprimento”, explica Beatriz Bascoy. A alcaldesa recorda que nos postos “tamén se deberán cumprir unha serie de normas específicas para que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde”.

Polo tanto, o sábado 16 de maio, cun 99% de seguridade -o 0,1% restante atende a posibles cambios normativos da Xunta ou do Estado- volveremos ter mercado semanal en San Ramón. Será un mercado distinto -non haberá artesanía nin tampouco estará aberto o bar, que agarda para máis adiante-, cos postos máis separados e coa obriga de cumprir as normas de prevención e hixiene tanto por parte dos comerciantes como das persoas usuarias. O que si será igual que antes é a calidade do produto e do servizo.

As feiras, previsiblemente en xuño
Máis complicado preséntase neste momento o reinicio das feiras mensuais. O Concello sopesa retomalas en xuño, sen poder concretarse aínda se a primeira será a do 11 ou a do 23. “As estritas condicións que a Xunta de Galicia establece a día de hoxe limitan moito a presenza de diferentes postos habituais e fan imposible a celebración das feiras tal e como foron ata agora”, comenta a alcaldesa. “A Orde de 23 de marzo só permite de momento a presenza de vendedores de produtos agrarios ou gandeiros, non se permiten pois postos de roupa, madeira, utensilios, zapatos, etc. Por outro lado a norma esixe distancias entre postos de 4 a 6 metros ademais dun aforo limitado que require unha planificación previa máis complexa que a da reapertura do mercado”, engade Beatriz Bascoy.

O Concello está analizando todos estes condicionantes para organizar a nova posta en marcha. Para iso ten previsto mercar o material necesario e demarcar os espazos consonte a normativa. Ademais, segundo a rexedora, “informarase previamente aos titulares dos postos habituais e coordinarase coa Garda Civil a reactivación das feiras para asegurar o cumprimento das medidas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias”. O Executivo Local agarda tamén que nos próximos días haxa novas indicacións “máis detalladas” por parte da Xunta de Galicia co obxectivo de poder comezar coa feira “no mes de xuño, ben o 11 ou ben o 23, e sempre que a situación sanitaria avance de maneira favorable”.

A hostalaría local bota de menos a clientela
Quen están quentando motores son os bares e restaurantes da zona. A partir do luns que vén -comezo da Fase 1 de volta á normalidade- poderán volver atender as terrazas, aínda que só nun 50% da súa capacidade. Coa normativa que hai hoxe en vigor e a expensas de que haxa prórroga do Estado de Alarma, nesa fase de peche de portas e atención só ás mesas que teñan fóra deberán permanecer alomenos 15 días, posto que a actividade interior se retomaría na Fase 2.

Salvo algunhas excepcións, boa parte da hostalaría local agardará para máis adiante antes de poñerse a funcionar cara ao público. Un público que é coma da casa e ao que botan de menos. Así o manifestan nunha serie de pequenos vídeos que se empezarán a publicar no Facebook municipal desde o serán deste martes. Os donos e donas de bares e restaurantes mándanlles mensaxes de ánimo á clientela para superar a crise e tamén informan do seu compromiso con que a volta aos seus establecementos se poida facer con total seguridade. No que todas e todos coinciden é en que botan moito de menos as caras de todos os días.