Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña achega 90.000 euros ao concello de Paderne para mellorar a pavimentación de varios camiños


O proxecto inclúe obras nas parroquias de Adragonte, Vigo, Quintas, Velouzas e Viñas

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou un convenio de colaboración co alcalde de Paderne, César Longo Queijo, polo que o concello recibirá 90.000 euros para o arranxo de viarios en varias parroquias. En concreto, o acordo contempla melloras en Adragonte, Vigo, Quintas, Velouzas e Viñas.

As obras consisten no afirmado de camiños, na limpeza de cunetas e na colocación de tubaxes de formigón para a recollida de pluviais nos camiños de Sequeira, Ambroa, Esfarrapa, Batán, Lambra-Borrallos, Porco-Hermeiro e no viario entre a estrada de Ponte do Porco e o cruce de Montecelo. Neste último camiño colocarase ademais unha banda para reducir a velocidade, nova sinalización e un sumidoiro transversal.

O custo total do proxecto ascende a 90.000 euros, que serán asumidos en solitario pola Deputación.