Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente traslada ás sociedades de pesca a súa interpretación sobre as normas estatais que avalan a pesca fluvial como actividade deportiva ao aire libre


Tendo en conta o contido a Orde SND/388/2020, de 3 de maio, pola que se regula a práctica do deporte profesional e federado, a pesca fluvial estaría dentro das actividades permitidas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de trasladar ás sociedades de pesca deportiva a súa interpretación sobre os distintos documentos feitos públicos polo Goberno do Estado que avalan a pesca fluvial como unha actividade deportiva ao aire libre e individual, polo que se podería permitir a súa realización. Ao longo destas últimas xornadas, o colectivo de pescadores de pesca fluvial de Galicia ten trasladado diversas dúbidas para saber se a pesca fluvial estaba comprendida dentro das actividades permitidas pola Orde publicada no Boletín Oficial do Estado do pasado 1 de maio.

Dende a Dirección Xeral de Patrimonio Natural defenden que a pesca fluvial debe considerarse deporte individual ao aire libre, e polo tanto permitir a súa práctica, sempre e cando se manteñan as medidas se seguridade recomendadas polo Ministerio de Sanidade en canto á práctica para este tipo de actividades físicas.

Tal e como xa teñen trasladado as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar nunha carta dirixida ao ministro, Salvador Illa, a pesca deportiva cumpre todos os requisitos establecidos na Orde, xa que é un deporte que se practica en pleno contacto coa natureza e que -pola súa propia dinámica- se leva a cabo salvagardando as distancias de seguridade interpersoal recomendadas polo Ministerio de Sanidade.

Outro aspecto que se reitera desde a Consellería de Medio Ambiente é que a pesca fluvial non é unha actividade agraria, que tan só se podería exercer na fase dúas do plan de desescalada do Goberno, senón que é unha actividade física que se equipara á realización non profesional de actividades deportivas ao aire libre e sen contacto individual.

Por outra banda, o Goberno central publicou a Orde SND/388/2020, de 3 de maio pola que se regula a práctica do deporte profesional e federado, sen indicar de xeito específico os deportes federados que se poden realizar. É dicir, nesta orde non se exclúe a práctica do deporte da pesca fluvial, polo que desde a Xunta de Galicia se entende que o Estado a través da orde- un documento normativo- está a permitir a práctica da pesca, tanto na súa versión de actividade deportiva non profesional ao aire libre (pesca fluvial ou recreativa), como da pesca federada.