A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, composta polos sete municipios integrantes do proxecto, remitiulle o pasado xoves ao Comité Nacional Español de Xeoparques Mundiais da UNESCO a carta de presentación e de manifestación oficial do seu interese en obter o distintivo deste organismo dependente de Nacións Unidas. Tras anos de preparativos, a comunicación supón o comezo dun proceso que, de ser exitoso, durará alomenos ata finais do 2021 de intenso traballo no territorio e de avaliacións externas sobre os seus resultados. A asociación xestora do proxecto recabou o apoio da Deputación, da Xunta e doutros entes coa finalidade de apuntalar a iniciativa, cuxa memoria está nestes momentos en exposición pública. O documento enviaráselle tamén ao comité estatal nas próximas semanas, aínda que haberá que agardar ata ben entrado o outono para coñecer se a do Cabo Ortegal é unha das dúas candidaturas elixidas este ano para ser xeoparque. A presidenta da asociación xestora, Beatriz Bascoy, destaca a importancia de que os sete concellos non interrompesen o traballo arredor do proxecto a pesar da crise sanitaria, considerando que o Xeoparque “será fundamental na reactivación económica e do turismo na nosa zona”.
Xa no momento de constituír a entidade, a finais de marzo, os municipios coincidiron en seguir mantendo o cronograma de traballo e os prazos previstos de presentación da documentación necesaria perante os organismos que serán decisorios.
O primeiro é o Comité Nacional Español de Xeoparques Mundiais UNESCO -no que participan os outros xeoparques do Estado, varios ministerios e tamén o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España-, quen se encarga de recibir as cartas de interese e de elaborar un primeiro informe sobre a aptitude do proxecto.
Se se supera este primeiro filtro, o informe favorable trasladaráselle no mes de xullo á Comisión de Cooperación coa UNESCO, dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), quen dará a coñecer o seu ditame entre o primeiro de outubro e o 30 de novembro. En cada estado só se seleccionan dúas candidaturas ao ano como máximo. Se o veredicto é favorable, a propia Comisión de Cooperación coa UNESCO enviaralle a correspondente carta ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, o organismo que ten a última palabra na asignación do selo.
Se todo vai sobre o previsto, ao longo de 2021 o PICTX avaliará máis detalladamente a candidatura e enviará a partir do 1 de maio unha misión de inspección sobre o terreo que mira tanto a aplicación práctica da estratexia definida no proxecto como o grao de implicación do territorio no seu desenvolvemento. A inspección da UNESCO é tan esixente e exhaustiva que mesmo chega a facer entrevistas aleatorias para anotar ata que punto a poboación da zona sabe de que vai a iniciativa. De cumprirse os prazos agardados, o resultado da avaliación debaterase no Consello de Xeoparques Mundiais no mes de setembro. Unha vez superado este penúltimo chanzo, a proposta deberá ser ratificada pola Dirección Xeral da UNESCO e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU.
Todo ese camiño de solicitudes, informes e avaliacións por parte de organismos estatais e internacionais empeza sempre cunha carta de presentación e manifestación de interese como a remitida o pasado xoves pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal. Nela exprésase “a firme intención” dos sete municipios de presentar a candidatura do territorio para ser designado Xeoparque Mundial, ao tempo que se solicita do comité estatal o seu apoio para a iniciativa “en base ao proxecto presentado, e despois da súa correspondente avaliación”. A precandidatura está respaldada, ademais, por organismos como a Deputación da Coruña, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, a Xunta de Galicia -a través das direccións xerais de Conservación da Natureza e de Turismo- e diversos colectivos sociais e ambientais. Tamén están en trámite as solicitudes de apoio das tres universidades galegas.
A presidenta de quenda da asociación constituída polos sete concellos, Beatriz Bascoy, explica que o traballo arredor da candidatura non se detivo malia o coronavirus. Bascoy argumenta que se sopesou a posibilidade de agardar ao ano que vén para presentar a carta de intencións pero que, finalmente, os municipios decidiron continuar cos tempos previstos. “Fíxose moito traballo, temos un proxecto ben definido e recursos de sobra para sermos Xeoparque; non tiña sentido agardar outro ano máis para iniciar os trámites”. A rexedora de Moeche considera imprescindible “dar un paso adiante nestes momentos” posto que, segundo adiantou “a posta en práctica do plan estratéxico inclúe medidas en ámbitos moi diversos, como o científico, o educativo, a posta en valor de recursos con investimento público ou a dinamización socioeconómica e turística”. Beatriz Bascoy indica a este respecto que todas as accións deseñadas para os próximos meses e a obtención do distintivo da UNESCO “serán ferramentas fundamentais na reactivación económica, dos servizos e do turismo na nosa zona despois do Estado de Alarma”.