A pesar de que os obradoiros están suspendidos durante a crise do COVID-19, o equipo directivo está a reforzar a formación do alumnado mediante o envío de contidos formativos e titorías a distancia
O obradoiro de emprego Lousame-Noia de aproveitamentos forestais
continúa coa atención formativa dos seus 20 alumnos/traballadores dende que se declarou o
estado de alarma polo COVID-19. A pesar de que este tipo de obradoiros están oficialmente
suspendidos en toda Galicia, o equipo directivo decidiu reforzar a formación do alumnado a
distancia, mediante o envío de contidos formativos específicos e transversais, avaliacións
tipo test e titorías de atención permanente mentres non se restablece a situación de
normalidade.
O director do obradoiro de emprego Lousame-Noia, Andrés Novo Lombao, explica que “o
13 de marzo xa nos organizamos para seguir dando formación e creamos un grupo de
WhastsApp e por e-mail a través do cal o equipo directivo do obradoiro: director, orientadora
laboral, titor e profesores de forestal, estamos enviando contidos formativos ao alumnado”.
Novo Lombao asegura que “isto é algo que estamos facendo nós e poucos máis en Galicia,
pero a resposta é fenomenal por parte do alumnado, xa que todos os días teñen actividade,
responden test e son atendidos nas titorías para que teñan os contidos o máis frescos posible”.
O director do obradoiro apunta que “todos estamos desexando volver, cando as condicións de
seguridade así o permitan”. Neste sentido, explica que “cando se decretou o estado de alarma
o obradoiro estaba case á metade. Tiña que rematar o vindeiro 29 de xullo pero dende a
Xunta xa nos confirmaron que sigue en activo neste tempo, que se prorrogará o tempo que
corresponda e que se dotará economicamente aos Concellos para que así sexa”.
Obradoiro de emprego
O Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019 é un taller de formación dual que está a
formar a un total de 20 persoas na especialidade de aproveitamentos forestais. Un obradoiro
iniciado en novembro de 2019, que ten unha duración de 9 meses e que conta cunha
subvención de 336.446 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Entre as actuacións previstas figuran melloras en áreas verdes de Lousame e de Noia,
algunhas delas xa iniciadas antes do parón pola crise sanitaria do coronavirus. Así, en
Lousame están previstas actuacións de mellora no parque de San Lourenzo, onde o Concello
traballa para conseguir a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local para
incrementar a súa protección. Tamén están previstos actuacións en espazos naturais da Silva,
Aldeagrande, Bouciñas e Vilacoba.
No caso de Noia, xa se realizaron actuacións de mantemento e mellora de espazos naturais
como o Monte do Bolo e na contorna do local social de Barro, e están previstos traballos na
área recreativa da Barquiña e en parcelas municipais en Bergondo e San Paio.
O pasado mes de febreiro, o alumnado recibiu os diplomas dun curso de prevención de riscos
laborais, unha formación homologada que os habilita para traballar como recursos
preventivos nunha empresa.