A organización decide cancelar a celebración do festival este ano por responsabilidade e a dificultade para a súa realización
Despois de debater e analizar a situación, as asociacións organizadoras e o
Concello de Vimianzo cancelan a celebración no 2020 do Asalto ao Castelo. É unha
decisión que se toma por responsabilidade e prevención sanitaria pola
seguridade do público, ademais de ter en conta as medidas que se están a
adoptar para loitar contra a expansión da Covid19.
A difícil situación motivada pola epidemia, non só dificulta se non que fai
imposible mesmo o traballo previo necesario para unha correcta realización do
festival. Ademais, o traballo que xa tería que estar en marcha nestes momentos
non se pode levar a cabo. Tendo en conta que esta é unha festa feita pola propia
veciñanza na que a colaboración e traballo dos colectivos sociais son
fundamentais, na actual situación de confinamento isto faise completamente
inviable. No debate puxéronse sobre a mesa todas as opcións, mesmo o
adiamento do festival, mais foron unanimemente descartadas.
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, declarou que “é unha decisión moi complicada de
tomar, e na que hai que deixar o corazón a un lado. A organización fixo un esforzo tremendo
durante todo o ano; era unha data especial por tratarse da XXV edición, pero xa marcamos en
vermello o 3 de xullo de 2021”, insiste a rexedora.
A organización traslada a súa “ilusión e esforzos para o sábado 3 de xullo de 2021,
cando se poderá celebrar por todo o alto o 25 aniversario do Asalto ao Castelo,
unha edición polo tanto aínda máis especial”, aportan. O Concello e asociacións
organizadoras agradecen a comprensión da veciñanza e do público, e confía na
enerxía coa que volverán as forzas irmandiñas o ano que vén.