Thursday 21 de November de 2024

Preto de 2.000 persoas acoden á visita dos Reis Magos a Oroso


Preto de 2.000 persoas participaron esta tarde na tradicional Cabalgata e Festa de Reis do Concello de Oroso. Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron en tren á Estación de Vilacide e co mesmo vehículo dirixíronse a Sigüeiro, percorrendo as principais rúas da localidade para saudar aos máis pequenos e repartir caramelos durante o traxecto.

A primeira parada do seu itinerario foi na Casa do Concello, onde os de Oriente foron recibidos pola corporación municipal, encabezada polo alcalde, Manuel Mirás. En nome dos tres, Gaspar escribiu no libro de honra do Concello para “agradecer o bo comportamento de todos os veciños e veciñas de Oroso, especialmente o dos máis pequenos” e manifestou a súa intención de satisfacer os desexos de todos eles na vindeira noite. O alcalde agradeceu tales palabras e desexoulles aos Reis Magos unha boa noite de traballo.

Xa no polideportivo municipal, ateigado de pequenos e maiores, Mirás agradeceulles aos Reis Magos que este ano lle trouxesen a Oroso como agasallo adiantado o enlace da AP-9, “polo que levabamos agardando tantos anos e que agora por fin xa ten as obras licitadas”. De seguido, Melchor, Gaspar e Baltasar comezaron a atender un a un a todos os cativos, axudados polos grupos de paxes dos centros educativos do municipio. Á vez, iniciouse unha gran festa infantil no propio pavillón, con inchables, música e xogos.