Saturday 16 de November de 2024

O coruñés Raúl Dans Mayor gaña o II Premio Laudamuco para textos Teatrais 2020, dotado con 7.000 euros, coa obra “Só un home bo”


O certame, que promove a figura de Vidal Bolaño, foi convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas
O coruñés Raúl Dans Mayor é o gañador da segunda edición do
Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia
Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros,
concorreu ao certame coa obra ‘Só un home bo’, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e
a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional
na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu
compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu
no dramaturgo Raúl Dans Mayor. Porén, dada a situación actual, o acto de entrega do premio
prevista para o 16 de maio coincidindo co aniversario da posta en escena da obra
“Laudamuco, señor de ningures” pola compañía Teatro do Antroido de Roberto Vidal
Bolaño, queda adiada en principio ata o 10 de outubro, coincidindo coa clausura do Congreso
Internacional do Teatro Galego, sempre e cando a situación o permita”.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé
Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva. As deliberación tiveron que realizarse
telematicamente, o que mesmo alterou o normal desenvolvemento do protocolo que conleva
a apertura da plica correspondente e o coñecemento do nome do autor ou autora do texto
premiado. Un acto que tivo lugar hoxe xoves na Casa da Cultura de Brión coa presenza da
concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez; de Manuel Guede Oliva, en
representación do Xurado; e do xestor Cultural do Concello de Brión, Alberto Vázquez
Escudero.
O xurado coincidiu en sinalar “a calidade xeral dos textos presentados ao concurso” así como
“o interese que a convocatoria do premio semella estar concitando, dada a cantidade de
textos recibidos”. Sobre a obra gañadora, e sen coñecer aínda quen era o seu autor, o xurado
destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa

Carballeira de Santa Minia, nº 2 – Pedrouzos – Brión (A Coruña)
www.concellodebrion.org – Prensa: 981 897 822 – 618 868 447 (Nós

Comunicación)

representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes,
catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en “Só un home bo” o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa,
unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a
sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo
do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha
longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.
O gañador
Raúl Dans (A Coruña, 1964) é autor teatral, guionista e actor de dobraxe. Coa súa primeira
obra, “Matalobos”, gañou o Premio Rafael Dieste de Teatro (1993). Un ano despois gañou o
Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais con “Lugar”, estreada polo Centro
Dramático Galego en 1999. Outras das súas obras son “Derrota” (XXII Premi Born de
Teatre, 1997), “Estrema” (1998), “A chamada” (2001), “Nachtmahr” (2008), “Chegamos
despois a unha terra gris” (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2010 e Premio
AELG de Teatro 2011), “As cancións que lles cantaban aos cativos” (Premio SGAE de
Teatro Jardiel Poncela 2015) e o ensaio “Confesións dun practicante. As aventuras dun
dramaturgo en Galicia” (2004).
Creador, argumentista e dialoguista de series de ficción para Televisión de Galicia (“A miña
sogra e máis eu”, “Pratos combinados”, “A vida por diante”, “Padre Casares”…), Dans
obtivo o Premio Mestre Mateo de Guión por “Terra de Miranda” (2003) e “As leis de
Celavella” (2005). Raúl Dans sucede no palmarés do Premio Laudamuco ao lucense Xavier
Lama López, gañador da primeira edición.
O premio
O Laudamuco para textos teatrais, que ten carácter anual, conta cunha dotación de 7.000
euros, acompañada da edición da obra. No premio puideron concorrer autores e autoras de
calquera nacionalidade que presentasen unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e
escrita en lingua galega.
A creación deste certame ten o dobre obxectivo de apoiar a creación dramática en galego e
contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño. O autor falecido en 2002 ten
un gran vínculo con Brión, posto que a súa familia cedeu ao Concello gran parte do seu
legado (manuscritos, libros, utilería teatral, premios…), que se porá á disposición da
cidadanía.